Desenvolvemento de novas tácticas antitumorais actuando sobre as células nai do cancro, co apoio da Fundación “la Caixa”

27/12/2021
  • O proxecto liderado polo Investigador Principal do CiQUS José Luis Mascareñas en colaboración co Dr. Bruno Sainz do IIBM (CSIC- UAM) ten como obxectivo actuar sobre as células nai cancerosas para superar a resistencia aos tratamentos e a recaída.
  • A nova axuda está enmarcada na convocatoria CaixaResearch Consolidate, un programa da Fundación "la Caixa" que apoia proxectos innovadores e maduros no campo da biomedicina. Partindo dunha tecnoloxía previamente desenvolvida polo equipo, os investigadores buscan agora validala en modelos preclínicos de diferentes tumores para facilitar o seu acceso ao mercado.

 

O novo proxecto buscará validar a tecnoloxía existente en modelos preclínicos de diferentes tumores para achegala ao mercado | CiQUS

 

José Luis Mascareñas, Project Leader do novo proxecto CaixaResearch Consolidate

 

Referencias

Rodríguez J, Mosquera J, Couceiro JR, Vázquez ME, Mascareñas JL. Ruthenation of Non-stacked Guanines in DNA G-Quadruplex Structures: Enhancement of c-MYC Expression. Angew. Chem. 128, 15844-15847 (2016). DOI: 10.1002/anie.201607965

 

Valle S, Alcalá S, Martin-Hijano L, Cabezas-Sáinz P, Navarro D, Muñoz ER, Yuste L, Tiwary K, Walter K, Ruiz-Cañas L, Alonso-Nocelo M, Rubiolo JA, González-Arnay E, Heeschen C, Garcia-Bermejo L, Hermann PC, Sánchez L, Sancho P, Fernández-Moreno MÁ, Sainz B Jr. Exploiting oxidative phosphorylation to promote the stem and immunoevasive properties of pancreatic cancer stem cells. Nat Commun 11, 5265 (2020). DOI: 10.1038/s41467-020-18954-z


 

As células nai de cancro (CSC, polas súas siglas en inglés) son as principais responsables de iniciar o tumor, formar a metástase e resistir aos tratamentos. Moitas quimioterapias utilizadas para combater o cancro non conseguen eliminar as CSC en parte debido á elevada plasticidade que presentan estas células, unha propiedade que aproveitan para adaptarse, resistir ao tratamento e continuar expandíndose. Agora ben, as células nai de cancro dependen da respiración mitocondrial para sobrevivir e evadir as defensas do sistema inmune o que, a nivel metabólico, representa un talón de Aquiles.

O grupo que lidera o Prof. José Luis Mascareñas no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) vén traballando de maneira conxunta co equipo que dirixe do Dr. Bruno Sainz no Instituto de Investigacións Biomédicas "Alberto Sols" (IIBM CSIC- UAM) na identificación de novos compostos que alteran e comprometen a respiración mitocondrial nas células nai de cancro, diminuíndo o seu potencial para promover e rexenerar tumores. Os resultados obtidos ata o de agora en CSC pancreáticas e en modelos preclínicos de enxertos de tumores de pacientes demostran unha potente actividade antitumoral, e os estudos in vivo suxiren unha baixa toxicidade asociada a estes compostos de tipo metálico.

Esta investigación acaba de recibir un novo impulso a través do programa CaixaResearch Consolidate da Fundación "la Caixa", unha convocatoria que apoia proxectos innovadores e maduros na área da saúde, e que conten cun sólido plan de valorización. A nova axuda permitirá ao equipo realizar unha serie de estudos adicionais co obxectivo de validar a tecnoloxía en modelos preclínicos de diferentes tumores xerados polas CSC, e facilitar deste xeito o seu acceso ao mercado. A proposta que lidera o Prof. Mascareñas, é un dos cinco proxectos de investigación biomédica que foron seleccionados no segundo corte da presente convocatoria, a nivel nacional. Ademais de recibir un apoio económico de 300.000 €, todos eles contarán coa axuda de mentores para definir os seus plans de desenvolvemento e comercialización de forma personalizada, e acompañamento experto en materia de transferencia de tecnoloxía, ferramentas de financiamento ou negociacións.

O grupo do Dr. Sainz xerou importantes avances en área a bioloxía celular, e actualmente está a explorar distintas maneiras de alterar os requisitos metabólicos das CSC. Pola súa banda, o grupo MetBioCat dirixido polo Prof. Mascareñas é xa un referente polos seus desenvolvementos na área da química biolóxica, entre os que se atopa o deseño de complexos metálicos baseados en rutenio que son capaces de actuar de maneira selectiva sobre ADN. Ambos os laboratorios conforman un equipo multidisciplinar con gran experiencia cuxa colaboración se remonta a un proxecto IGNICIA da Xunta de Galicia.