Dous investigadores do CIQUS premiados polo Grupo de Química Biolóxica da Real Sociedade Española de Química

13/02/2014

O pasado 4 ao 6 de Febreiro tivo lugar en Bilbao a segunda Reunión Bienal do grupo de Química Biolóxica da Real Sociedade Española de Química (RSEQ) que se organizou de forma conxunta co XIV Encontro Peptídico Ibérico (EPI). Con esta reunión, á que asistiron máis de 140 investigadores, pretendíase proporcionar un foro de encontro e de debate para os científicos interesados neste fascinante campo, e catalizar o desenvolvemento futuro da disciplina.

Na devandita reunión o grupo de Química Biolóxica outorgou tres Premios ás Mellores comunicacións orais flash, dous dos cales recaeron nos investigadores novos do CIQUS María Maneiro e Jesús Mosquera, actualmente realizando a súa tese doutoral baixo a dirección dos profesores Concepción González-Bello e Jose Luis Mascareñas and Eugenio Vázquez.

A reunión contou con científicos de gran renome internacional como conferenciantes plenarios: Prof. Kevin Praxco (Universidade de Santa Barbara, USA), Nicolas Winssinger (Universidade de Xenebra, Suiza), Daniel Müller (ETZ, Zurich), Teresa Carlomagno (Laboratorio Europeo de Bioloxía Molecular-EMBL, Alemaña), Manuel Serrano (Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas-CNIO, Madrid), Ernest Giralt (Instituto de Investigacións en Biomedicina-IRB, Barcelona) e o Prof. Leonardo Pardo (Universidade Autónoma de Barcelona).

 

María Maneiro e Jesús Mosquera no CIQUS