Dous novos proxectos do CiQUS para dar resposta á COVID-19 reciben financiamento da Axencia Galega de Innovación

03/12/2020
  • O proxecto dirixido por Eduardo Fernandez-Megia​ céntrase no diagnóstico temperán do virus, mentres que o proxecto liderado por Concepción González-Bello estudará novos axentes antivirais.

Catro proxectos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) centrados no virus SARS-CoV-2 acaban de recibir o apoio económico da Axencia Galega de Innovación (GAIN) con preto de medio millón de euros, sendo dous deles investigacións que se desenvolverán no CiQUS.

Detección de antígenos 

No campo relativo á detección do virus SARS-CoV-2 sitúase o proxecto de Eduardo Fernandez-Megia que se centrará en desenvolver métodos áxiles que complementen a proba PCR, "a cal, a pesar da súa elevada sensibilidade, é unha técnica lenta, custosa e que require de grandes equipos e un laboratorio de microbioloxía", explica o investigador do CiQUS. Os Affidendróns son unha potente plataforma para a rápida e selectiva identificación de patóxenos. Estruturalmente incorporan varias unidades dunhas pequenas proteínas de recoñecemento, denominadas Affitinas, ao redor dunha nanoestructura de polímero ramificado que se chama dendrímero. Mediante esta presentación multivalente increméntase a afinidade destas pequenas proteínas de forma exponencial. "Estas características, unidas á elevada especificidade de Affitinas, menor tamaño que anticorpos, maior estabilidade e facilidade de produción a grande escala, fai dos Affidendróns unha ferramenta interesante para o desenvolvemento de métodos de detección de antíxeno, similares ás clásicas probas de embarazo, para o diagnóstico temperán de COVID-19", explica Fernández-Megía. O proxecto "Affidendróns anti-SARS-CoV-2: ferramentas multivalentes para diagnóstico temperán e terapia antiviral COVID-19" pretende desenvolver Affidendróns que recoñezan a proteína spike na superficie do virus.

Antivirais

O proxecto liderado pola investigadora do CiQUS, Concepción González-Bello, estudará a nivel molecular como se produciría a "desactivación" da resposta inmune utilizando ferramentas computacionales e biotecnolóxicas. Os fármacos contra a malaria, cloroquina e hidroxicloroquina son aminoquinolinas que poderían ser eficaces fronte ao virus da COVID-19. Nesta liña, o equipo investigador analizará o potencial doutras aminoquinolinas, estruturalmente análogas ás anteriores. A vantaxe destes novos "axentes antivirais" é a súa potencia, "o que axudaría a reducir, en gran medida, os posibles efectos adversos por utilizarse en doses máis reducidas", sinala González-Bello, investigadora principal do proxecto "Novos axentes antivirais baseados en aminoquinolinas para o tratamento da pandemia actual por SARS-CoV-2". No proxecto, estudarase a súa potencialidade fronte ao virus e optimizarase a súa eficacia.

Eduardo Fernández Megía y su equipo. (Imagen tomada antes de la pandemia del SARS-CoV-2. Foto: Andrés Ruiz).

Concepción González-Bello (Foto: CiQUS)