O centro acada a mellor valoración entre tódolos presentados na convocatoria competitiva para a acreditación de centros de investigación universitarios de excelencia.
Con só 5 anos de funcionamento, o CiQUS logrou reivindicarse como un centro de investigación de máximo prestixio. Na recente convocatoria promovida pola Xunta de Galicia para apoiar a investigación de excelencia e a incorporación de talento ao Sistema Universitario Galego (SUG), a candidatura do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) foi a mellor valorada de entre tódalas presentadas polas tres universidades (A Coruña, Santiago e Vigo), e a única que recibirá o máximo financiamento fixado nas bases da convocatoria: 2.800.000 € durante o período 2016-2019.
Coa concesión das novas Axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación galegos, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará máis de 13 millóns de euros ata 2019 ás unidades de referencia do sistema galego de investigación, que constitúen os maiores motores de I+D do SUG. Unha convocatoria na que o Comité Evaluador externo valorou non só o modelo de centro, senón tamén os resultados alcanzados nos últimos 3 anos (50%), así como o valor das propostas expostas no seu proxecto científico (50%), cualificando todas as propostas mediante un proceso de avaliación extremadamente rigoroso.
Esta axuda, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), recompensa o esforzo realizado pola dirección e os investigadores do centro ao longo dos últimos anos e suporá un impulso definitivo ao seu modelo de investigación, reforzando o proxecto científico da institución e contribuíndo a valorizar tanto o prestixio da USC como, por extensión, a ciencia de primeiro nivel desenvolvida en Galicia.
Investigación e formación: os piares da excelencia
Ciencia de primeiro nivel, atracción e formación de talento, e internacionalización, son algunhas das claves do proxecto estratéxico do CiQUS, que conta xa con tres investigadores recoñecidos coas prestixiosas axudas do European Research Council (ERC). Os científicos do centro publican ao redor de 85 artigos cada ano, dos cales, e segundo a base de datos global Web of Science, máis do 75% aparecen en revistas científicas do primeiro cuartil (é dicir: o 25% das mellores revistas na súa área) e máis do 30% nas do primeiro decil (o 10% das mellores revistas).
Asemade, proporcionar unha formación de máxima calidade constitúe un obxectivo estratéxico e fundamental do CiQUS. Así, tres dos catro programas de máster nos que participa foron seleccionados entre os mellores de España no ránking do xornal El Mundo (2016), unha clasificación que sitúa a dous destes másteres en 3º e 4º posición na área de Ciencias Experimentais e Tecnolóxicas, se ben ocupan as dúas primeiras prazas en Química. Por outra banda, os destinos escollidos por moitos dos seus egresados avalan a calidade da súa formación a nivel doutoral, incorporándose a grupos de referencia en institucións tan prestixiosas coma o MIT, Stanford, Cambridge ou o Instituto Max-Plank, entre outros. Cómpre salientar tamén os catro Premios Lilly de investigación para estudantes de doutoramento, obtidos consecutivamente de 2012 a 2015.