Expertos en terapias celulares e xénicas do consorcio internacional 'CAR T Cells Rewired to Prevent EXhaustion in the Tumour Microenvironment' (CAR T-REX) reuníronse o 28 e 29 de maio no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) con motivo da súa primeira Asemblea Xeral. Representantes de Stemmatters (Portugal), TargetGene Biotechnologies (Israel), University of Debrecen (Hungría) e Leibniz-Institut für Immuntherapie (Alemaña) foron acollidos no CiQUS polo equipo de TraffikGene para compartir os avances no progreso científico do proxecto, cunha visión ambiciosa para mellorar a eficacia e a seguridade das terapias con células CAR T dirixidas a tumores sólidos.
CAR T-REX é un proxecto do Consello Europeo de Innovación (EIC) que comezou en xuño de 2023 e ten unha duración de 4 anos. O seu obxectivo é explorar un novo paradigma para xerar células CAR T melloradas, combinando un sistema de entrega de material xénico con edición xenética de precisión nas células T. A estratexia busca vencer os mecanismos do microambiente tumoral inmunosupresor que desconecta a resposta inmunitaria deste tipo de células, ampliando potencialmente a utilidade e seguridade das actuais tecnoloxías CAR T.
"Preténdese eliminar o esgotamento de forma controlada só cando as células CAR T atópense no microentorno tumoral, e deixar que volva á normalidade cando o tumor está ausente” detalla a Dra. Marisa Juanes, investigadora do equipo de TraffikGene que lidera o Prof. Javier Montenegro: “Este proxecto tenta desarollar novas celulas CAR-T cuxa activación non se deteña mentres se atopen no microambiente do tumor”. A versatilidade que ofrece a tecnoloxía de TraffikGene permitirá identificar os vehículos peptídicos óptimos para poder levar a cabo a entrega do ARN: “a entrega simultánea de diferentes ácidos nucleicos no interior das células T de maneira eficiente e pouco tóxica supón un reto significativo. É aquí onde a plataforma que desenvolvemos en TraffikGene poida achegar valor ás tecnoloxías de edición xenética desenvolvidas polos nosos colaboradores para lograr este ambicioso obxectivo” explica Marisa Juanes. “Este proxecto permitiranos aumentar a versatilidade da tecnoloxía de entrega de ácidos nucleicos de TraffikGene, o que validaría a súa aplicación nun novo contexto terapéutico” comenta o investigador Alberto Fuertes.
O consorcio CAR T-REX reúne a un grupo multidisciplinar de expertos e empresas con recoñecida traxectoria internacional. A Asemblea Xeral celebrada no CiQUS incluíu unha visita a Galaria para coñecer as instalacións do Centro de Produción de Terapias Avanzadas de Galicia e reforzar a colaboración nos desafíos que enfronta o campo das terapias celulares e xénicas. Durante o encontro, os participantes tamén trataron temas relacionados co potencial innovador do proxecto CAR T-REX, incluíndo a participación na sesión EIC Tech to Market, que abarca programas de emprendemento e construción de empresas.
O equipo de TraffikGene e o Investigador Principal de CiQUS Javier Montenegro exerceron de anfitrións. Marisa Juanes sinala que "recibir ao consorcio CAR T-REX a CiQUS foi excepcional. O encontro non só resaltou o espírito colaborativo entre os membros, senón que tamén preparou o escenario para futuros avances innovadores na área das terapias con células CAR T”. Pola súa banda, Alberto Fuertes destaca que “a sinerxía alcanzada entre todos os participantes resultou inspirador, estamos orgullosos de contribuír a este proxecto fundamental que aspira a avanzar no tratamento do cancro”.