Os tres investigadores do CiQUS que traballaron nos laboratorios do Profesor neerlandés participan no acto de homenaxe celebrado na Universidade de Groningen.
![]() |
De esquerda a dereita, Diego Peña, Fernando López, Ben Feringa e Martín Fañanás. |
Ao redor de 40 investigadores déronse cita a pasada semana na cidade neerlandesa de Groningen con motivo do acto de homenaxe ao químico Ben Feringa, recoñecido co último Premio Nobel na área en 2016. En apenas dous días de simposio, decenas de científicos que ao longo dos últimos 30 anos formaron parte do seu equipo, e hoxe continúan a súa carreira no ámbito académico (os que elixiron traballar na industria son mesmo máis), tiveron ocasión de compartir as súas distintas traxectorias, discutir novas liñas de investigación e, sobre todo, repasar en detalle a influencia do Profesor Feringa sobre as súas carreiras.
«Foi un acto moi emotivo», afirmaba Diego Peña ao seu regreso ao CiQUS xunto aos seus colegas no centro Fernando López e Martín Fañanás, quen, como el, realizaron estancias no grupo do laureado Profesor durante a súa etapa posdoutoral.
Concluído o acto de homenaxe, Peña quixo lembrar a atmosfera profesional dos seus anos en Groningen: «é grato comprobar que aínda hoxe hai un sentimento de familia entre todos nós; iso é froito do bo ambiente que se respiraba nos laboratorios de Feringa, creo que o soubo transmitir moi ben. Sempre foi un xefe 'boa persoa' por riba de 'bo científico'», aseguraba.
Nas conversacións entre compañeiros ao longo do simposio, o recoñecemento á figura de Ben Feringa era unánime. Del coincidiron en destacar múltiples calidades, como o entusiasmo ou a determinación: «soubo motivarnos cando os ventos non eran favorables», comenta Fernando López. «A súa valentía para saltar dun tema científico a outro, sen medo nin ataduras, foi sempre un exemplo para todos nós», sinala.
Tras a concesión do Premio Nobel, que disparou a súa popularidade en todo o mundo (no seu pais é considerado hoxe una das principais personalidades do Estado), a visión do Profesor Feringa apenas cambiou. Como explica Martín Fañanás, «seguirá traballando e comportándose como ata o de agora, movido por unha curiosidade insaciable». O terceiro dos seus discípulos no CiQUS móstrase convencido de que «non se conformará, sempre foi consciente de que os retos importantes estaban en 'terra descoñecida', fóra da zona de confort», sentencia.
O encontro tratou de render tributo aos máis de 30 anos de exercicio dun dos pais das 'máquinas moleculares', que ao cabo lle valeron o recoñecemento da prestixiosa Academia Sueca. Unha extensa carreira ao redor da cal confluíron investigadores de múltiples nacionalidades e tres xeracións distintas, que insisten no carácter afable de Feringa e o seu don de xentes. «Hai outros Nobel, pero non son tan simpáticos», bromea Diego Peña.