La Fundación Barrié premia a dos doctorandos del CiQUS

14/06/2016

Os doutorandos do CiQUS Eva González Freire (Grupo Granja Guillán) e Damián Padín Santos (Grupo Sáa Rodríguez-Varela Carrete), obteñen dúas das 30 bolsas de posgrao no estranxeiro que concede a Fundación Barrié. A axuda permitirá a ámbolos dous investigadores realizar unha estancia en centros de excelencia no estranxeiro, onde desenvolverán actividades formativas que aportarán valor á realización das súas teses doutorais.


Os investigadores do CiQUS Eva González Freire e Damián Padín Santos realizarán durante os próximos meses unha estancia predoutoral en centros de referencia no estranxeiro, logo de obter dúas das 30 bolsas que concede a Fundación Barrié. Así se desprende da información facilitada pola propia fundación, que recentemente fixo pública a resolución da 27º edición do seu Programa de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro para a ampliación de estudos e estancias de investigación de estudantes en centros académicos de todo o mundo.

A estancia de Eva González Freire, investigadora do Grupo Granja Guillán será de tres meses, e terá lugar na Universidade de Bristol (Reino Unido); alí centrará a súa actividade investigadora no deseño e a síntese de péptidos cíclicos con propiedades antimicrobianas. O proxecto, que desenvolverá no grupo do Prof. Davis, fundamentarase no deseño, síntese e estudo das propiedades de recoñecemento molecular, en concreto, na síntese dun mimético das lectinas que poida mellorar os resultados xa obtidos no grupo do CiQUS sobre a afinidade entre ditos miméticos e diversos sacáridos.

Pola súa banda Damián Padín, membro do grupo Saa Rodríguez-Varela Carrete, terá como destino o Boston College (Estados Unidos), onde traballará na catálise metal-carbénica en transformacións estereoselectivas durante os próximos catro meses. Damián integrarase no Grupo de Amir H. Hoveyda para afondar nos principios que rexen a reactividade e estereoselectividade de sustratos, ata agora considerados prácticamente inertes: os haluros vinílicos, versátiles grupos funcionais que tamén se atopan presentes en multitude de fármacos.

O Programa de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro da Fundación Barrié, dirixido a graduados universitarios, licenciados ou titulados superiores, é un dos Programas de Bolsas de Excelencia máis destacado a nivel nacional e internacional, e ofrece aos seus beneficiarios a posibilidade de acceder a mellores técnicas, métodos e procedementos de investigación mediante a estancia en centros de referencia a nivel global.