Con máis de 400 propostas presentadas desde 39 países, a última convocatoria EIC Transition foi a máis concorrida ata a data. Este programa do Consello Europeo de Innovación (EIC, polas súas siglas en inglés) pón o seu foco na maduración de tecnoloxías innovadoras e consolidouse como un dos esquemas máis atractivos para investigadores e startups. Entre as 40 propostas seleccionadas nesta reñida edición atópase MEDiCS, un proxecto liderado polo Prof. José Luis Mascareñas que se centrará no desenvolvemento clínico dun novo axente anticancro. Trátase dun novo éxito do CiQUS, que suma o seu segundo proxecto deste tipo e sitúa á Universidade de Santiago de Compostela como a única universidade española, xunto á Universitat Pompeu Fabra, que conseguiu o dobrete neste programa. O consorcio liderado desde o CiQUS obtivo 2,5 millóns de euros para desenvolver a súa proposta durante os próximos tres anos.
MEDiCS é o acrónimo de Anticancer approach based on the Metabolic Disruption of Cancer Stem Cells, un proxecto que pivota sobre o potencial preclínico que demostrou unha familia de complexos metálicos baseados en rutenio para combater certos tumores. O seu obxectivo agora é avanzar na madurez da tecnoloxía completando a fase preclínica, necesaria antes de comezar os ensaios clínicos en humanos. O proxecto buscará mellorar o comportamento deste novedoso composto na etapa preclínica fronte a dous tipos de cancro particularmente desafiantes: o de páncreas, pola súa elevada prevalencia, e o de colon, pola súa alta letalidade, ambos con un enorme impacto na sociedade.
Estes compostos sintéticos de rutenio actúan alterando e comprometendo a respiración mitocondrial nas células nai do cancro, que son as principais responsables de iniciar o tumor, formar metástases e resistir aos tratamentos. As células nai do cancro dependen da respiración mitocondrial para obter a súa enerxía e evadir as defensas do sistema inmune, polo que estes complexos metálicos atacan o seu punto máis vulnerable. Este innovador mecanismo de acción non só demostrou ser eficaz para frear a proliferación tumoral en modelos preclínicos, senón que tamén presenta unha baixa toxicidade, o que o fai especialmente prometedor.
O Prof. Mascareñas e o Dr. Bruno Sainz, xunto aos seus respectivos equipos no CiQUS e no Instituto de Investigacións Biomédicas Sols-Morreale (CSIC-UAM), recibiron no pasado o apoio de Ignicia (Xunta de Galicia) e da Fundación La Caixa para estudar o comportamento deste tipo de axentes anticancro. Alentados por resultados prometedores, decidiron postular a un proxecto do EIC, a pesar de que estas convocatorias son extremadamente competitivas e teñen unha taxa de éxito inferior ao 10%. A selección dos proxectos realízase en dúas fases: unha preselección baseada na calidade da proposta e, posteriormente, unha exixente entrevista a modo de exame ante un panel avaliador multidisciplinar, formado por seis expertos internacionais.
Ademais dos Dres. Mascareñas e Sainz, o equipo de MEDiCS tamén conta con científicos do Institute for Research and Innovation in Health (i3S) da Universidade do Porto, e o apoio das empresas MyBiotech e Asphalion.
O programa EIC Transition está deseñado para pechar a brecha entre a investigación en etapa temperá e as innovacións listas para o mercado. O seu obxectivo é avanzar e madurar tecnoloxías prometedoras proporcionando financiamento e asesoramento para demostrar a viabilidade en aplicacións do mundo real e preparar o camiño cara á súa comercialización. A concesión do proxecto MEDiCS é froito do esforzo continuado dos seus investigadores, resultado de anos de investigación básica e da confianza na súa capacidade para transformar o coñecemento en avances con impacto real.
O Prof. Mascareñas e a Dra. Villarino: O proxecto MEDiCS, dotado con 2,5 millóns de euros, foi un dos 40 seleccionados entre as 416 propostas presentadas na última convocatoria para proxectos EIC Transition en Europa