Joan Miguel Ávila, xunto aos seus directores da tese e membros do tribunal | Grupo MetBioCat.
O Dr. Joan Miguel Ávila recibiu o premio á mellor tese do 2022 no campo da química biolóxica por parte do Grupo Especializado de Química Biolóxica da Real Sociedad Española de Química (RSEQ-QEGB). Supervisada polo Prof. José Luis Mascareñas e a Dra. María Tomás Gamasa no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), a súa tese centrouse no desenvolvemento de transformacións químicas de gran potencial sintético en medios vivos, como en células de mamífero, mediante o uso de catalizadores organometálicos, que funcionan como miméticos de encimas, pero para realizar transformacións químicas que non existen na natureza. A posibilidade de sintetizar compostos químicos específicos dentro de células vivas abre numerosas posibilidades para interferir coa bioloxía de forma precisa e controlada, e para desenvolver novas estratexias farmacolóxicas.
“Esta distinción co premio á mellor tese do 2022 no campo da química biolóxica por parte da RSEQ-QEGB supón para a miña toda unha honra, e un recoñecemento excepcional ao traballo realizado tanto por min como polos meus supervisores durante os últimos anos, así como do impacto do coñecemento que xeramos” comenta Joan Miguel, quen destaca a motivación que supón este recoñecemento para proseguir a súa carreira. Tras o seu paso como membro do grupo MetBioCat no CiQUS, Joan Miguel colabora actualmente co Prof. Burkhard König e a Prof. Olalla Vázquez en Alemaña no campo da química bioortogonal mediante o emprego de reaccións fotocatalizadas.