Marcos Vilela, Premio Lilly de Investigación para Alumnos de Doutoramento

17/06/2024


Marcos Vilela Picos | CiQUS

 

A Real Sociedade Española de Química e Lilly deron a coñecer as teses galardoadas dos XXII Premios de Investigación para Alumnos de Doutoramento, que recoñecen os traballos nas áreas de Química Orgánica, Farmacéutica e Analítica. Marcos Vilela, quen se atopa cursando os seus estudos de doutoramento no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), resultou premiado xunto a Andrea Palone, da Universitat de Xirona (UdG) e Università degli Studi dei Roma “Tor Vergata” e a Beatriz Arévalo, da Universidade Complutense de Madrid (UCM).

A tese de Marcos está supervisada polo investigador principal do CiQUS Juan R. Granja e o Prof. Manuel Amorín titúlase Supramolecular systems based on cyclic peptides for the selective transport of antitumor drugs . O seu traballo céntrase en desenvolver nanotubos peptídicos sensibles a estímulos externos como a luz, así como a súa potencial aplicación para o transporte de fármacos antitumorais ata as células cancerosas. Os nanotubos peptídicos son estruturas con forma de tubo formadas polo apilamiento de péptidos cíclicos: "Por exemplo, conseguimos controlar a forma do tubo ou a súa formación e disgregación mediante a irradiación co apropiado tipo de luz. Doutra banda, estamos a desenvolver unha estratexia baseada nestes nanotubos para o transporte de fármacos antitumorais ata células cancerosas resistentes" explica Vilela, para quen este premio supón "un gran orgullo e recoñecemento a todo o esforzo realizado durante a tese doutoral, e representa unha gran motivación para o futuro".

Recoñecemento aos investigadores novos

Trátase do décimo galardón que recibe o CiQUS nos premios Lilly de Investigación. En anteriores edicións foron recoñecidos José Manuel González (2023), Soraya Learte (2021), Eva Rivera (2021), Noelia Casanova (2017), Andrés Seoane (2015), Mateo Sánchez (2014), Isaac Alonso (2013), Lorena Tizón (2012) e Olalla Vázquez (2010).

Convocados anualmente pola Real Sociedade Española de Química (RSEQ) e Lilly España, os Premios de Investigación para Alumnos de Doutoramento recoñecen os incipientes logros de estudantes que están a cursar a súa tese doutoral nas áreas de Química Orgánica, Farmacéutica ou Analítica e que son membros da Real Sociedade Española de Química. Cada gañador recibe un apoio económico de 2.000 euros.

Pola súa banda, o Premio Early Career Researcher, que destaca o mellor proxecto dun investigador menor de 40 anos, recaeu nesta ocasión en Marc García Borràs, do Departament de Química– Universitat de Xirona, Institut de Química Computacional i Catàlisi (IQCC).

Antonio Echavarren, presidente da Real Sociedade Española de Química opina que é moi importante apoiar o traballo dos científicos novos, “tanto os que estudan o doutoramento, como os que xa desenvolven un proxecto de investigación, pois o seu esforzo contribúe ao progreso da ciencia do noso país”. Pola súa banda, María José Lallena, directora do Centro de I+D de Lilly España, explica que “un ano máis estamos encantados de participar nestes recoñecementos aos mozos investigadores, pois o noso labor vai máis aló da actividade que realizamos nas nosas instalacións e o apoio e a colaboración con outras institucións permítenos contribuír á creación dun ecosistema científico robusto que favorece as sinerxias, redunda en mellores resultados e polo tanto, a longo prazo, repercutirá positivamente nos pacientes”.

In the media