José Luis Mascareñas, novo membro da Academia Europea das Ciencias

16/01/2017

O Director Científico do CiQUS convértese nun dos catro químicos españois recoñecidos pola prestixiosa European Academy of Sciences (EURASC).


José Luis Mascareñas, investigador ERC Advanced Grant e Director Científico do CiQUS, ingresa na Academia Europea de Ciencias (EURASC, polas súas siglas en inglés) tras ser seleccionado como novo membro da división de química, unha área integrada por 100 representantes de todo o mundo que conta con figuras científicas prominentes como os premios Nobel Barry Sharpless ou Jean-Pierre Sauvage.

O profesor Mascareñas suma así o seu nome aos dos dous únicos españois que ata agora formaban parte desta división, os catedráticos Luís Oro (Universidad de Zaragoza) e Santiago Álvarez (Universitat de Barcelona). O nomeamento produciuse a proposta dun dos membros do comité do EURASC tras a avaliación da traxectoria científica do candidato, e coincide no tempo co do tamén Advanced Grant Luis Liz-Marzán, investigador egresado da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e actualmente director do CIC biomaGUNE en Euskadi. Ambos ingresos non só supoñen un recoñecemento á carreira dos dous científicos, senón tamén ao CiQUS, á propia USC e, por extensión, á excelencia da ciencia española na área da Química.

Derrubando fronteiras

A Asociación Europea de Ciencias (EURASC) ten como misión principal promover a excelencia en Ciencia e Tecnoloxía, así como o papel determinante destas no fomento do desenvolvemento e o progreso e económico e social. Trátase dun organismo internacional con plena autonomía, cuxo principal obxectivo é recoñecer e seleccionar aos mellores científicos do continente cunha clara vocación paneuropea, transcendendo fronteiras nacionais non só á hora de seleccionar aos seus membros, senón tamén á de articular as súas políticas, co propósito de fortalecer e impulsar a ciencia desenvolvida en Europa mediante a cooperación e o fluxo de coñecemento entre investigadores.