A Spin-off do CiQUS será unha das dez startups que participarán no programa de formación e promoción de empresas emerxentes SEKLab, primeira e única aceleradora vertical de proxectos Edtech en España.
MD.USE Innovative Solutions, a spin-off do CiQUS especializada no desenvolvemento de software científico de modelado molecular orientado á simulación e predición de resultados experimentais en laboratorio, foi seleccionada como unha das dez empresas emerxentes de base tecnolóxica que formarán parte da II Edición dos SEKLab Awards, o programa de formación e promoción de startups promovido por SEKLab, primeira e única aceleradora vertical de proxectos Edtech en España.
Entre as máis de corenta propostas recibidas, o xurado valorou a aposta de MD.USE por "facer máis entretida a aprendizaxe da ciencia” grazas ao desenvolvemento da aplicación Ollomol, que permite visualizar moléculas en 3D, en realidade virtual e en realidade aumentada, con usos educativos que se están a probar con éxito e que colaboran na formación dos estudantes dos últimos cursos de Bacharelato.
A participación no programa permitirá a MD.USE disfrutar dunha estancia de cinco meses de duración no SEK Lab do Campus Madrid-Villafranca del Castillo da Universidade Camilo José Cela (UCJC), na que terá acceso a formación específica destinada a acelerar e mellorar a súa idea de negocio da man de mentores expertos no sector. Ademais, os proxectos seleccionados poderán recibir premios en especie cuxa valoración supera os 20.000 euros.
Realidade virtual aplicada á simulación de sistemas moleculares
Especializada no desenvolvemento de software científico e servizos de simulación, MD.USE sírvese de distintas técnicas de realidade virtual para achegar as ferramentas computacionais a usuarios non expertos, nun esforzo por salvar a fenda entre experimentación e técnicas computacionais. Estas simulacións de sistemas moleculares e moléculas individuais proporcionan unha grande cantidade de información atómica que resulta complementaria aos experimentos realizados en laboratorios estándar, o que permite aforrar en custes e mellorar en eficiencia.
SEKLab: innovación enfocada ao ámbito educativo
SEKLab Awards, programa de formación impulsado pola aceleradora vertical de proxectos SekLab, ten o obxectivo de fomentar o desenvolvemento de ideas innovadoras no eido da ensinanza de modo que se xeren novas formas de aprendizaxe a través das novas tecnoloxías.
O programa, que celebra este ano a súa segunda edición, contou coa participación dun total de 42 empresas emerxentes, aínda que soamente 18 foron elixidas para presentar os seus proxectos en persoa ante o jurado, que finalmente se decantou por dez ganadores, entre os que se atopa a spin-off do CiQUS MD.USE. Entre as startups presentadas, destacaba a presenza de 33 empresas españolas, ademais doutras empresas procedentes de Estados Unidos, India, Italia, Bulgaria e Finlandia, o que da plena mostra da competitividade da convocatoria.
SEK Lab concluirá, ao igual que na anterior edición, nun Demo Day que se celebrará en abril de 2017, nun acto no que se anunciarán os gañadores dos premios que outorga a Institución Educativa SEK ás startups en diferentes categorías en función do seu rendemento durante os últimos cinco meses de aceleración.