-
Soraya Learte e Eva Rivera reciben o Premio de Investigación para Alumnos de Doutoramento que concede a RSEQ e Lilly, nunha convocatoria de ámbito nacional.
-
Que dous dos tres premios que se conceden fosen outorgados a doutorandas do CiQUS, pon de manifesto a capacidade e prestixio formativo do centro, e a súa aposta por promover o talento de mozas científicas.
Soraya Learte | CiQUS
Eva Rivera | CiQUS
A Real Sociedade Española de Química (RSEQ) e Lilly acaban de conceder os seus Premios de Investigación para Alumnos de Doutoramento, un galardón que recoñece a excelencia investigadora, no ámbito académico, dos estudantes nas áreas de Química Orgánica, Farmacéutica e Analítica. Dos tres premios que estaban en xogo nesta convocatoria de ámbito nacional, dous deles foron outorgados a doutorandas do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS): Soraya Learte e Eva Rivera. Os seus traballos foron seleccionados polo Comité Científico entre un gran número de candidaturas con alto nivel científico e académico, nun proceso especialmente competitivo.
"Este recoñecemento supón, sobre todo, unha maior motivación para seguir investigando e unha recompensa a todos estes anos de esforzo" comenta Eva, que desenvolve a súa tese no CiQUS baixo a supervisión do Prof. Fañanás Mastral. O seu traballo céntrase na procura de novas metodoloxías sintéticas multicomponente a través de catálisis organometálica: "Estas reaccións permítennos construír building blocks altamente funcionalizados a partir de compostos sinxelos e facilmente accesibles, como son os hidrocarburos insaturados" explica Eva. Estes building blocks son de especial interese pola súa ampla versatilidade sintética, permitindo acceder a unha gran variedade de estruturas, por exemplo, dienos presentes en produtos naturais.
A tese de Soraya, dirixida polo Prof. José Luis Mascareñas, céntrase no uso de metalopéptidos e metaloproteínas en química biolóxica. No seu traballo desenvolveron novas proteínas sintéticas, capaces de unirse con alta afinidade ao ADN e funcionar como activadores de xenes. Por outra banda, "demostramos a capacidade destesmetalopéptidos para recoñecer proteínas oncogénicas e modificar a súa actividade, ou a capacidade de actuar como metaloenzimas artificiais, sendo capaces de promover reaccións non naturais no interior de células de mamífero", explica a investigadora. "Para min é un orgullo recibir este premio, e estou segura de que vai axudarme na miña futura carreira investigadora".
Ambos recoñecementos poñen de manifesto a estratexia formativa do CiQUS e a súa aposta por promover o talento novo e impulsar ao mesmo tempo a carreira investigadora das mulleres, que tamén ve recoñecida a súa aposta. Cos de Eva e Soraya, son xa sete os galardóns que atesoura o CiQUS nos premios Lilly de Investigación, catro deles outorgados a mulleres. En anteriores edicións o premio foi concedido a Lorena Tizón (2012), Isaac Alonso (2013), Mateo Sánchez (2014), Andrés Seoane (2015) e Noelia Casanova (2017), todos eles estudantes de doutoramento do centro.
Nesta ocasión, o Comité Científico ha valorado tanto os proxectos presentados como o currículo dos participantes, teniendo en cuenta a calidade e impacto dos seus traballos, o número de publicacións científicas e estancias noutros centros de investigación. A nova edición da entrega dos Premios Lilly de Investigación terá lugar durante unha cerimonia virtual que organizará este ano a Real Sociedade Española de Química, onde as premiadas realizarán unha breve exposición oral do seu traballo. Desde o CiQUS aplaudimos este recoñecemento e recompensa á excelente traxectoria académico-científica de ambas as investigadoras, e desexamos que o premio sexa un estímulo máis para unha exitosa carreira profesional.