O CiQUS, baixo a lupa experta da Comisión Científica Asesora Externa

12/06/2025

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) recibiu a semana pasada a visita da súa Comisión Científica Asesora Externa (ESAB), o órgano encargado de avaliar periodicamente a actividade científica do centro e do seu persoal investigador, ademais de asesorar sobre a súa orientación estratéxica. Esta visita, enmarcada no proceso de avaliación intermedia do período 2023–2026, permite obter unha perspectiva externa moi valiosa sobre o traballo que se vén desenvolvendo.

Durante varios días, os membros da ESAB —un panel internacional de persoas expertas de recoñecido prestixio, cunha traxectoria científica destacada e proxección internacional— reuníronse co equipo do CiQUS. O comité está formado por Thomas Carell, Janine Cossy, Rosario Fernández, Eva Hevia, Jesús Jiménez-Barbero, Ángel Rubio, Paolo Samorì, Jean-Pierre Sauvage e Helma Wennemers.

O programa de traballo incluíu sesións para coñecer os avances nas liñas de investigación, encontros co persoal investigador principal e doutros perfís do centro, así como visitas ás instalacións. Tamén se celebraron entrevistas individuais e encontros coa dirección do CiQUS.

A avaliación da ESAB representa unha oportunidade valiosa para o CiQUS, centro que conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia e que recibe financiamento da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021–2027. As observacións e recomendacións das persoas membros do comité ofrecen unha visión crítica e construtiva que contribúe a identificar fortalezas e áreas de mellora, así como a definir a estratexia futura do centro e reforzar a calidade da súa investigación.

Desde o CiQUS agradécese sinceramente a todos os membros da ESAB a súa dedicación e por compartir a súa experiencia. O seu asesoramento resulta imprescindible para que o centro poida seguir avanzando no coñecemento científico e xerando impacto para o conxunto da sociedade.