Ao longo deste traballo desenvolvéronse pequenos péptidos cíclicos para que se apilen (ou auto-ensamblen) uns sobre os outros de forma ordenada e controlada, formando así nanotubos.
Arcadio José Guerra Fandiño, investigador do CiQUS, defendeu este venres na Facultade de Química a súa tese de doutoramento, titulada “Deseño e síntese de ciclopéptidos que conteñen gamma- e/ou delta-aminoácidos cíclicos e estudo das súas propiedades de autoensamblaxe: Síntese de novos nanotubos peptídicos”, realizada no centro durante os últimos anos baixo a dirección dos profesores Juan R. Granja e Manuel Amorín.
O traballo aborda o deseño de pequenos péptidos cíclicos capaces de auto-ensamblarse de forma ordenada e controlada uns sobre os outros, formando así nanotubos. Entre os aspectos máis singulares desta tese de doutoramento destaca o emprego dun aminoácido non natural, que por dispor aos grupos amino e acido separados por catro átomos de carbono se denominan delta-aminoácidos. Este aminoácido permite a construción de nanotubos peptídicos de maior tamaño interno, o cal confire aos ciclopéptidos resultantes propiedades diferentes ás que presentan anteriores deseños.
Tamén relevante é a preparación de novos péptidos que combinan as propiedades peptídicas (como a súa capacidade para formar nanotubos) con outros componentes que lles confiren aparencia de azucres naturais na superficie do esqueleto peptídico. Esta combinación permite obter tubos moleculares con propiedades internas e externas que os fan especialmente adecuados para o seu emprego no transporte de fármacos, un obxectivo que segue a ser estudado por este grupo de investigación.
Así mesmo, propuxéronse modelos sinxelos para reproducir fotosistemas artificiais que simulan os procesos de transferencia de electróns que teñen lugar nas clorofilas das plantas, e que son empregadas por estas para a xeración de enerxía. Estes fotosistemas artificiais teñen grande importancia para a obtención de enerxía limpa a partir da luz solar.
Finalmente, outra das aportacións deste traballo é a xeración de sistemas activos a partir de compoñentes más sinxelos. Para iso, tanto o componente que acepta electróns coma o que os recibe únense a uns péptidos cíclicos que, á súa vez, adhírense entre eles para formar o compoñente fotoactivo que desencadea a transferencia electrónica.