Las Tesis del CiQUS: Marcos Fernández Villamarín

24/05/2017

Con aplicación en transporte de fármacos, o traballo desenvolvido integramente no centro describe o uso de copolímeros de bloque PEG-dendrímero, baixo a supervisión dos profesores Eduardo Fernández Megía e Ricardo Riguera.


O doutorando do CiQUS Marcos Fernández Villamarín defendeu onte na Facultade de Química a súa tese titulada "Copolímeros de bloque PEG-dendrímero para transporte de fármacos”, un traballo dirixido polos profesores do Departamento de Química Orgánica, Eduardo Fernández Megía e Ricardo Riguera e no que se describe o uso de copolímeros de bloque entre polietilenglicol (PEG) e dendrímeros da familia GATG (Gallic Acid-Triethylene Glycol) para a súa aplicación ao campo do transporte de fármacos.

Os dendrímeros son polímeros ramificados que, a diferenza dos polímeros convencionais (lineais e polidispersos), teñen unha estrutura globular e se caracterizan por un peso molecular definido. Nesta tese, a incorporación de diversos grupos funcionais na periferia de dendrímeros, permitiu o estudo das súas interacións, eficacia de internalización e tráfico intracelular en célula viva.

Nunha segunda parte do traballo, logo da funcionalización da superficie dendrítica con grupos cargados, estudáronse as interacións electrostáticas destes copolímeros con macromoléculas de carga oposta, para a formación de micelas PIC (Polyion Complex). Tras avaliar a relación entre os elementos estructurais destas micelas e a súa estabilidade fronte á temperatura, pH e fuerza iónica, estes resultados foron aproveitados para deseñar unha micela sensible ao pH, que permite a encapsulación do fármaco anticanceríxeno doxorrubucina e a súa posterior liberación intracelular controlada.

Parte dos resultados obtidos nesta tese de doutoramento xa foron publicados en revistas de gran prestixio internacional: Bioconjugate Chem. 2012, 23, 1059; ChemNanoMat 2016, 2, 437; Polym. Chem, 2017, doi: 10.1039/c7py00304h