O traballo, titulado “Deseño, síntese e estudo de α,γ-ciclopéptidos que conteñen γ-aminoácidos funcionalizados no carbono β”, define a preparación dunha nova familia de α,γ-ciclopéptidos cunha cavidade interna funcionalizada e estuda os procesos de auto-ensamblaxe implicados na formación das correspondentes estruturas supramoleculares.
A estudante de doutorado do CiQUS Nuria Rodríguez Vázquez defendeu esta mañá na Facultade de Química a súa tese de doutoramento titulada “Deseño, síntese e estudo de α,γ-ciclopéptidos que conteñen γ-aminoácidos funcionalizados no carbono β”, que contou coa supervisión dos profesores Juan R. Granja Guillán e Manuel Amorín López.
Nesta tese, explícase cómo os ciclopéptidos formados por α e γ aminoácidos adoptan unha conformación chá que lles permite apilarse e para formar estruturas tubulares de dimensións nanométricas con propiedades programables segundo a secuencia de aminoácidos que conforman a estrutura peptídica.
O emprego dos γ-aminoácidos aporta a grande vantaxe de permitir modificar o interior da cavidade dos nanotubos sen interferir nos procesos de auto-ensamblaxe dos ciclopéptidos. Para iso, modifícase o carbono β que fica orientado cara o interior da canle cando os ciclopéptidos adoptan a conformación chá. Esta funcionalización interna resulta fundamental para o desenvolvemento das aplicacións dos nanotubos peptídicos nas que se emprega a súa canle interna, tales como o transporte iónico ou molecular, as separacións ou a catálise.
Neste contexto, a tese doutoral céntrase na preparación dunha nova familia de α,γ-ciclopéptidos cunha cavidade interna funcionalizada, estudando os procesos de auto-ensamblaxe implicados na formación das correspondentes estruturas supramoleculares de forma que a incorporación na secuencia peptídica de g-aminoácidos funcionalizados en posición β permite desenvolver transportadores moleculares e iónicos selectivos (ex. derivados do cis-platino, anións como o cloruro, etc.) e sensores para o recoñecemento molecular (ex. metanol, metais, diácidos carboxílicos, anións como o carbonato, etc.), demostrando así o potencial que supón modificar a cavidade interna dos nanotubos peptídicos.