A primeira reunión interna do proxecto europeo de grande escala PAMS - Planar Atomic and Molecular Scale Devices - PAMS - Planar Atomic and Molecular Scale Devices celebrarase no CiQUS o 1 e 2 de abril. O obxectivo principal do proxecto é desenvolver dispositivos electrónicos a escala nanométrica, co fin de obter a miniaturización extrema dos equipos utilizados nas tecnoloxías da información e a comunicación.
O proxecto PAMS, cun presuposto total de máis de 9 millóns de euros, explorará todos os aspectos científicos e tecnolóxicos da fabricación de dispositivos electrónicos planos a escala atómica e sub-molecular sobre superficies illantes e semicondutoras, con precisión a escala atómica e reproducibilidade. Os dispositivos a escala sub-nanométrica fabricaranse combinando o uso da síntese química sobre superficies dos dispositivos moleculares e os cables de conexión, coa microscopía de efecto túnel ultra precisa (Scanning Tunneling Microscopy) e a microscopía de forza atómica sen contacto (NC-AFM).
O responsable por parte da USC é o profesor Diego Peña, quen xunto a Enrique Guitián e Dolores Pérez lidera o grupo de investigación COMMO no CiQUS, especializado na síntese de moléculas aromáticas e nanografenos. Este grupo está encargado de preparar e subministrar compoñentes moleculares para o resto do consorcio, que á súa vez se ocupará da súa montaxe, o estudo das súas propiedades e o rendemento.
Breve información do proxecto:
PAMS - Planar Atomic and Molecular Scale Devices.
Large-scale integrating project (IP) proposal in FET Proactive (FP7-ICT-2013-10).
1-Outubro-2013 – 30-Septembre-2017.
Coordinador: CEMES-CNRS (Francia) / André Gourdon.
Orzamento: 9.188.726 Eur (Aportación da UE: 6.683.998 Eur).
Socios: Finlandia, Francia, Alemaña, Polonia, España, Suíza.