A RAGC premia un traballo do Prof. Diego Peña publicado na revista Science

07/02/2023
  • A Academia Galega de Ciencias premia ao Prof. Diego Peña e ao Dr. Iago Pozo, investigadores do CiQUS que lograron modificar moléculas individuais
  • Os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2022, que recoñecen o labor de investigadores sénior e mozos da nosa comunidade

 

Membros da RAGC xunto cos investigadores Diego Peña y Iago Pozo | Imaxe: Suso Rivas

 

El trabajo ha sido destacado en la portada de la revista Science | AAAS


A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) acaba de fallar os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2022, destinados a promover e recoñecer a investigación no eido das matemáticas, física e ciencias da computación; química e xeoloxía; bioloxía e ciencias da saúde; ciencias técnicas; e ciencias económicas e sociais -todas elas integradas na RAGC-.

O proxecto premiado na modalidade de investigadores sénior foi para o equipo liderado por Diego Peña, do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC, no que participa o Dr. Iago Pozo e investigadores de IBM en Zúric e das Universidades de Oxford, King Abdullah de Arabia Saudita e Regensburg (Alemaña). Lograron por primeira vez modificar moléculas individuais de forma selectiva, rompendo ou formando ligazóns entre os seus átomos a vontade. Para iso o equipo de IBM en Zúric desenvolveu un sofisticado microscopio de última xeración, que traballa a unha temperatura de 270 graos baixo cero, capaz de concentrarse nunha única molécula dunha millonésima de milímetro e de modificar as súas ligazóns mediante pulsos eléctricos.

O avance, que foi portada da revista Science, supón un control sen precedentes a escala molecular. Permitirá crear máquinas moleculares artificiais inimaxinables até agora, capaces de realizar tarefas como a distribución intelixente de fármacos e con múltiples aplicacións na medicina e na industria. "Desde o século XIX os químicos tentamos cambiar a conectividade entre os átomos nas moléculas para obter novas funcionalidades. A novidade é que agora podémolo facer de forma extremadamente precisa e sobre moléculas individuais, coma se dispuxésemos de pinzas nanométricas do tamaño das moléculas. Non só controlamos que ligazóns se forman, ademais facémolo de xeito reversible” -explica o investigador-.

“A RAGC é a institución de referencia en relación coa ciencia en Galicia. Que os académicos destaquen o noso traballo é unha honra, especialmente porque se trata do resultado de dez anos de traballo de colaboración entre o CiQUS e IBM, nun campo emerxente na fronteira entre dúas disciplinas clásicas como son a química orgánica e a física de superficies. Este premio sérvenos como un sensacional acicate para continuar explorando esta liña de investigación un tanto heterodoxa, pero con moito impacto” -salienta o investigador-.

Nesta 32ª edición presentáronse un total de 66 propostas nas dúas categorías establecidas: traballo de investigación realizado por investigadores e investigadoras sénior, dotado con 6.000 euros; e traballo de investigación para incentivar a promoción de mozos e mozas investigadoras menores de 30 anos, dotado con 2.000 euros. Os premios entregaranse nun acto que se vai celebrar o vindeiro 1 de marzo no Pazo de San Roque, en Santiago.

O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos foi para un traballo destinado á detección de desinformación relacionada coa saúde nos medios online, liderado por Marcos Fernández, do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago. “A nova era dos medios dixitais mellorou o acceso á información, pero esta non sempre é fiable, precisa ou de boa calidade, o que conduce a que os usuarios tomen decisións erróneas. E isto é especialmente crítico cando nos referimos a persoas buscando información sobre saúde, por exemplo consello médico, xa que pode provocar danos persoais” -indica o investigador-.

A RAGC concede tamén unha mención honorífica na modalidade de promoción de mozos investigadores a un traballo sobre o rexeitamento da poboación ao uso da auga reciclada. Os autores, coordinados por Sergio Vila, desenvolven o seu labor no Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e na Facultade de Psicoloxía da USC.

In the media