A mellor Química de posgraduado en España

21/06/2017

Os mestrados ofertados polo CiQUS reciben un novo pulo na actualización anual do ranking publicado polo diario 'El Mundo', que recolle os mellores estudos de posgraduado do país.


Se hai apenas un ano o xornal 'El Mundo' incluía tres mestrados vencellados ao CiQUS no seu ranking cos mellores estudos de posgraduado dispoñibles en España, a edición 2017 desta clasificación, publicada recentemente polo diario, non só mantivo a súa avaliación favorable, senón que mesmo a mellorou.

Así, o Mestrado en Química Orgánica que ofrecen conxuntamente a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade Complutense de Madrid (UCM) e a Universidade Autónoma de Madrid (UAM), ascendeu dous postos en tan só un ano, situándose como a mellor opción nacional na área da Química, e a segunda dentro da categoría global Ciencias Experimentais e Tecnolóxicas. Unha formación de posgraduado de especial implicación para o CiQUS, xa que a práctica totalidade dos proxectos de fin de mestrado desenvolvidos na USC nesta disciplina teñen lugar no marco de traballo dos grupos de investigación do centro.

Un aval externo á formación do talento novo

Xunto ao Mestrado en Química Orgánica, outros dous posgraduados con participación de investigadores do CiQUS xa incluídos en 2016 consolidan a súa posición na listaxe que acaba de ver a luz. O Mestrado de Química Teórica e Modelización Computacional repite por quinto ano consecutivo entre o primeiros cinco postos do ranking, reforzando a súa posición na terceira praza e situándose xusto a continuación; trátase dun mestrado interuniversitario, que aglutina a 14 universidades españolas e un consorcio de 11 universidades estranxeiras. Pola súa banda, o Mestrado en Investigación e Desenvolvemento do Medicamento da USC mantense na terceira posición do ranking na categoría de Farmacia, afianzándose como referencia na área biomédica.

O ránking anual do xornal 'El Mundo' destaca os 250 mellores mestrados de España, seleccionados entre máis dun milleiro de opcións en todo o país. A súa metodoloxía baséase en 25 parámetros, divididos en cinco áreas de análise: demanda, recursos humanos, plan de estudos, resultados e medios materiais. Na súa elaboración colaboran 750 expertos procedentes de distintas áreas, incluíndo a profesores, alumnos, egresados, e representantes de empresas colaboradoras.