O CiQUS volve ser o escenario escollido para a celebración dun novo workshop da RCMM (Rede de Ciencias e Materiais Moleculares), unha rede de investigación constituída por nove grupos das tres universidades galegas, cuxos membros desenvolven a súa actividade científica nos campus de Santiago, Lugo, Coruña Vigo e Ourense.
Trátase dunha rede de carácter eminentemente multidisciplinar, xa que está formada por grupos procedentes de cinco áreas de coñecemento: Química orgánica, Química Inorgánica, Química Física, Bioloxía molecular e Física aplicada, o que lle permite abordar múltiples liñas de investigación, entre as que figuran a síntese orgánica, a química biolóxica, a química supramolecular ou os materiais moleculares, así como a química computacional, a fotofísica, a viroloxía, ou a termofísica, entre outras.
Coordinada polo Catedrático de Química Orgánica da USC Enrique Guitián, investigador do CiQUS, a rede fixouse os seguintes obxectivos:
- Deseño, síntese e avaliación de novos materiais moleculares para o seu uso en dispositivos electrónicos e fotónicos (células, solares, LEDs, OFETs... etc).
- Desenvolvemento de moléculas capaces de detectar, mediante métodos ópticos, biomoléculas que poidan ser usadas como marcadores de distintas enfermidades. Estas biomoléculas consisten fundamentalmente en ácidos nucleicos e proteínas, que están expresadas de forma aberrante en enfermidades como o cancro.
- Desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas baseadas na activación ou desactivación controlada de moléculas bioactivas usando sinais externos, como por exemplo, a luz.
- Desenvolvemento de novos métodos de síntese química, tanto en disolución coma sobre diferentes superficies.
Esta rede foi fundada no ano 2006, e dende entón mantívose activa ata a actualidade. Entre os seus logros cómpre salientar que, dende o ano 2011, os grupos que a integran conseguiron atraer 26 proxectos autonómicos (2.000.000 €), 36 de ámbito estatal (3.000.000 €) e 9 proxectos europeos (4.000.000 €), ademais de xerar 6 patentes entre 2011-2013, unha delas xa en explotación. Asemade, os grupos da rede asinaron convenios ou contratos con diversas empresas e organismos, tanto nacionais (REPSOL) coma estranxeiros (ABCR GmbH, Chiron, Biofungitek, NIST USA), por un valor total de 59.500 €.
Por outra parte, froito do traballo e os resultados dos distintos grupos de investigación, constituíronse no ano 2013 dúas empresas: Alchemview S. L. (unha empresa tecnolóxica especializada no ámbito da quimio-informática de consumo) e MD.USE Innovations, S. L., spin-off da Universidade de Santiago de Compostela que ofrece servizos de consultoría para a aplicación de simulacións computacionais de dinámica molecular, como alternativa e complemento dos métodos experimentais tradicionais.