A Profesora Concepción González Bello, líder de grupo no CiQUS, foi nomeada pola revista científica PLOS ONE como nova Editora Académica en recoñecemento á súa carreira científica, que, na actualidade, desenvolve como investigadora principal do González-Bello Group.
Publicada pola Biblioteca Pública da Ciencia desde 2006, PLOS ONE é unha revista científica, de libre acceso, centrada na revisión por pares, e que cubre a investigación primaria de calquera disciplina dentro da ciencia e a medicina. Ao non excluí-la investigación sobre a base da materia, facilita o descubrimento das conexiones entre a investigación, sexa entre disciplinas ou dentro delas.
Sobre o Grupo de Investigación González-Bello
As investigacións do grupo González-Bello céntranse no descubrimento de novas terapias eficaces fronte a diversas enfermidades infecciosas, en particular, o desenvolvemento de fármacos para o tratamento de bacterias resistentes aos antibióticos, pero cun mecanismo de acción alternativo aos habitualmente utilizados.
Céntrase na inhibición de bacterias patóxenas de grande interés terapéutico, en concreto, en Mycobacterium tuberculosis (tuberculose) e Helicobacter pylori (axente causante das úlceras gástricas e duodenais, clasificada como axente carcinógeno de tipo I), e Pseudomonas aeruginosa e Staphylococcus aureus (bacterias causantes das infeccións hospitalarias ou nosocomiais).