A estudante de doutorado do CiQUS, Iria Otero Romero defendeu esta mañá a súa Tese Doutoral titulada «A proteína muNS do reovirus aviar como ferramenta biotecnolóxica. Avance no sistema IC-Tagging e aplicación en vacinas», e que foi supervisada polos profesores do CiQUS Javier Benavente e José M. Martínez Costas.
Os reovirus aviares son virus sen envolta lipídica e xenoma de ARN bicatenario. Para aumenta-la eficiencia do seu proceso replicativo crean corpos de inclusión de natureza proteica no citoplasma da célula infectada, denominados viroplasmas ou factorías virales.
O estudo en laboratorio da proteína μNS que constrúe estas inclusións deu lugar a un sistema de etiquetado molecular de proteínas con diferentes aplicacións biotecnolóxicas denominado “IC-Tagging”. Porén, demóstrase que esta metodoloxía é moi útil para o estudo in vivo de interaccións entre proteínas e a purificación de proteínas funcionalmente activas.
No traballo que deu lugar a esta tese, o grupo de investigación afonda na caracterización deste sistema ampliando as súas posibilidades e campos de aplicación. Propóñense solucións para facer máis sinxelo o método en aplicacións in vivo e mellórase a xeración, purificación e estabilidade das inclusións que constitúen a base do sistema.
Ademais, desenvólvese un método in vitro para o estudo da morfoxénese viral e, finalmente, demóstrase que as inclusións xeradas con IC-Tagging constitúen un método moi potente e versátil para construir vacinas subunitarias que non precisan adxuvantes.