Las tesis del CiQUS: Miguel Quiroga Bóveda

21/04/2016

Miguel Quiroga Bóveda, estudante de doutorado do CiQUS, defendeu esta mañá na Facultade de Química a súa tese, titulada "Estudo cinético e termodinámico da formación de pseudorotaxanos baseados en ciclodextrina" e dirixida polos profesores Luis García Río e María Mercedes Parajó.

As máquinas moleculares son arquitecturas constituidas por un número discreto de moléculas que foron deseñadas para levar a cabo movementos mecánicos (output), en resposta a determinados estímulos (input). O pseudorotaxano, constituido a través da formación dun complexo host-guest entre un eixo e un macrociclo, estableceuse como a arquitectura molecular mecánicamente entrelazada máis importante debido a que é a que máis movementos mecánicos pode desenvolver en función do input seleccionado.

A principal motivación da tese doutoral defendida con éxito hoxe foi a inexistencia dun estudio mecanicista detallado dos procesos de formación/disociación dos pseudorotaxanos nos que haxa involucradas máis de dúas moléculas. Así, realizouse un estudio cinético e termodinámico da formación de [2], [3] e [4] Pseudorotaxanos (o número entre corchetes indica o número de moléculas interconectadas) así como a isomería producida a raíz da asimetría da Ciclodextrina.

No desenvolvemento deste proxecto empregáronse surfactantes bolaform e gémini como eixos e a-CD como macrociclo. Ademais, sintetízase un surfactante bolaform de tipo asimétrico para estudar a isomería existente en pseudorotaxanos de orde superior e estudia a preferencia da a-CD para formar o pseudorotaxano por cada un dos seus dous portais. A formación de pseudorotaxanos  ampliouse a surfactantes gemini onde é posible a formación de dúas estruturas tipo rotaxano: ensartado nas cadeas hidrocarbonadas do surfactante xerando un pseudorotaxano con grande movilidade e insertado no espaciador formando unha estrutura con grande estabilidade cinética.