A revista 'Chemistry World' inclúe unha colaboración de investigadores do centro con IBM no seu 'Top Ten' do ano.
Hai aproximadamente un ano, un equipo de investigadores do CiQUS e IBM describía nun novo traballo a metodoloxía que lles permitira observar por primeira vez a escala atómica unha reacción química coñecida como a Ciclación de Bergman, usando a técnica de Microscopía de Forza Atómica (AFM). O traballo, publicado na portada da revista Nature Chemistry, obtivo un grande impacto na súa área, sendo destacado nas revistas C&EN, Chemistry World, ou o blogue In the Pipeline, entre outros.
Agora, de novo a revista Chemistry World (unha publicación que recolle as noticias máis relevantes da área editada pola Real Sociedade de Química do Reino Unido), seleccionou esta investigación entre os dez mellores artigos da súa lista 'A Química máis innovadora de 2016', recoñecendo así unha vez máis o traballo do investigador do CiQUS Diego Peña Gil e os seus colegas do IBM Research Center en Zúric.
«Unha reacción fascinante»
As imaxes obtidas mediante Microscopía de Forza Atómica (AFM) abraiaron ao mundo nos últimos anos. No seu traballo de 2016, os investigadores usaron esta técnica para explorar o mundo molecular con exquisito detalle. Nunha nova colaboración do profesor Diego Peña Gil cos seus colegas do IBM Research Center (liderados por Leo Gross, principal autor do traballo), os científicos conseguiron inducir unha reacción química reversible (coñecida como a Ciclación de Bergman) sobre unha única molécula, utilizando pulsos de voltaxe aplicados coa punta dun Microscopio de Efecto Túnel (STM), para posteriormente analizar os resultados mediante a técnica AFM. Os pulsos permitiron en primeio lugar romper os dous enlaces carbono-bromo da molécula, e a continuación romper unha ligazón carbono-carbono común a dous aneis de seis membros, formando un único anel de dez membros. Un pulso adicional permitiu reverter o proceso, xerando de novo os aneis hexagonais, o que supón unha especie de conmutador molecular.
«Trátase dunha reacción fascinante», asegura Peña. «A finais dos anos 80 observouse que o mecanismo de acción dalgunhas sustancias antitumorais estaba baseado nesta reacción, o que, naturalmente, atraeu unha grande atención da comunidade científica. Dende entón, esta converteuse nunha reacción moi coñecida no ámbito da química orgánica, polo que é unha gran satisfacción visualizala por primeira vez con resolución atómica», conclúe.