Un traballo liderado desde o CiQUS permite identificar en cuestión de minutos as variedades de uva dos viños brancos acollidos ás ‘Denominacións de Orixe Protexidas de Galicia’.
Preguntouse algunha vez cantos ingredientes contén o viño que rega as súas comidas? Quen non consultou nalgunha ocasión a etiqueta dunha botella tratando de escudriñar o segredo do seu sabor e a súa singularidade aromática? A alquimia vitivinícola, non obstante, dista moito de ser unha ciencia resumida nunhas liñas, que apenas alcanzarían a describir unha pequena parte do proceso de elaboración desta bebida milenaria, resultado dunha complexa mestura de multitude de compoñentes.
Na actualidade, o uso de análises químicas para determinar os compoñentes dun viño é unha práctica habitual; con todo, as técnicas que se adoitan empregar (Cromatografía, principalmente) esixen unha análise por separado de cada compoñente, o que provoca que o proceso sexa lento e custoso.
Agora, un equipo liderado polo investigador do CiQUS Ricardo Riguera, xunto aos seus colegas da USC Manuel Martín-Pastor (Unidade de Resonancia Magnética Nuclear) e Esteban Guitián (Unidade de Espectrometría de Masas) conseguiu deseñar un novidoso procedemento automatizado para abordar o proceso, que permite identificar en cuestión de minutos as variedades de uva empregadas nos viños brancos acollidos ás ‘Denominacións de Orixe Protexidas de Galicia’ (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra)
Para logralo, os científicos tiveron que caracterizar previamente preto de 300 viños mono e pluri varietais, analizando mostras das variedades de uva maioritarias en Galicia (Albariño, Godello, Treixadura e Palomino). A partir desta categorización, os investigadores conseguiron identificar unha serie de parámetros característicos de cada variedade, que poden ser empregados como unha sorte de pegada dixital á hora de realizar comparacións entre viños.
Así, cunha simple mostra analizada mediante Resonancia Magnética Nuclear (RMN) e Cromatografía de Gases, trala aplicación de técnicas estatísticas aos datos combinados é posible identificar tanto as variedades de uva empregadas en viños brancos galegos como a súa procedencia xeográfica, dun modo rápido e fiable.
O traballo, publicado na revista Analytical Chemistry, demostrou a efectividade destas pegadas dixitais identificando unha serie de viños brancos de Galicia por comparación coas pegadas dispoñibles na base de datos. Así, o sistema rexistrou un nivel de acerto na clasificación igual ou superior ao 95% nos monovarietais e unha porcentaxe similar nos plurivarietais, polo que, como afirman os autores, «a técnica presentada é xa unha alternativa sinxela, rápida e técnicamente fiable»