Os directivos do laboratorio francés tiveron a oportunidade de coñecer de preto o sistema IC-tagging, unha plataforma tecnolóxica que ofrece a posibilidade de xerar vacinas máis baratas e sinxelas de producir e manter, sen necesidade de incluir compostos adxuvantes.
Representantes da compañía veterinaria francesa Virbac, unha das máis relevantes no sector farmacéutico animal, reuníronse a pasada semana cos responsables do Área de Valorización, Transferencia y Emprendemento (AVTE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e os investigadores José M. Martínez Costas, Ana M. Casal e Adolfo Paz Silva para coñecer de primeira man as tecnoloxías desenvolvidas por éstes e que foron patentadas pola propia AVTE.
Durante o encontro, o investigador do CiQUS José M. Martínez Costas presentou o sistema IC-tagging, unha plataforma tecnolóxica baseada en proteínas procedentes de reovirus aviar que forman inclusións nos citoplasmas das células. Entre as súas diversas aplicacións destaca a posibilidade de xerar vacinas non só máis baratas senón tamén máis sinxelas de producir e manter, sen necesidade de incluir compostos adxuvantes.
A patente, que xa foi licenciada de modo non exclusivo á biotecnolóxica española ALGENEX, permitiu a esta empresa ofrecer SPHERE, micropartículas recombinantes autoensambladas decoradas con antíxenos da vacina mediante. Trátase dunha tecnoloxía altamente versátil que permite a incorporación de proteínas de lonxitude completa ou péptidos a micropartículas altamente inmunoxénicas sinxelas de purificar, e que supón un paso adiante na fabricación de estruturas de proteínas complexas sinxelamente recoñecidas e procesadas polo sistema inmune.
Pola súa banda, Ana M. Casal, do Centro de Investigacións Biolóxicas (CiBUS), presentou unha tecnoloxía fronte aos sistemas de comunicación entre bacterias, coñecidos como Quorum Sensing. Trátase dunha enzima aillada dunha cepa bacteriana mariña que permite interferir coas sinais de Quorum Sensing impedindo o avance das infeccións bacterianas e evitando así o uso de antibióticos.
Por último, o investigador da Facultade de Veterinaria Adolfo Paz Silva expuxo os detalles dunha tecnoloxía baseada no emprego de esporas de fungos saprófitos que reducen o risco de infección parasitaria tanto en animais de granxa como en mascotas. Unha solución sostible ao control de parasitos cun menor tratamento antiparasitario convencional.