Máis de 450 alumnos de 14 centros de Bacharelato e Secundaria de distintos puntos de Galicia, como Santiago, A Coruña, Melide, Vigo, Ourense, Cambados, Ames ou Santa Comba, visitaron o CiQUS durante as últimas dúas semanas para levar a cabo experimentos en laboratorio, como a síntese química de sinxelos compostos farmacolóxicos, e participar de forma activa en diversas demostracións científicas.
Ademais, realizaron un percorrido guiado polas instalacións e coñeceron as líñas de investigación máis destacadas do centro. A experiencia serviulles para tomar contacto de primeira man co día a día dun centro de investigación, ademais de coñecer algúns dos equipos e técnicas de análise que dispoñen os laboratorios de apoio instrumental cos que conta o CiQUS.
Este ciclo de visitas, que cumpría a súa terceira edición, enmárcase na estratexia divulgativa do centro respecto ao seu compromiso social, e centra os seus obxectivos en destacar as aportacións da Química á mellora da calidade de vida e o benestar común, así como en incidir na importancia da investigación científica e as súas aplicacións posteriores.
Entre elas, sobresaen a investigación química de sistemas e procesos biolóxicos (compostos biolóxicamente activos de interese farmacolóxico), novos compostos con propiedades físicas (ópticas, magnéticas e/ou electrónicas) non convencionais, nanomateriais poliméricos para aplicacións biomédicas, novas metodoloxías para a síntese eficiente de compostos bioactivos, así como o emprego da química teórica e computacional para resolver problemas relacionados coa predición de propiedades, relacións estrutura-actividade e mecanismos de reacción.