Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (ECOAGRASOC) configurouse como Grupo de Investigación do Sistema Universitario Galego en 2004, como resultado da fusión de dous grupos preexistentes que viñan desenvolvendo conxuntamente proxectos e outras actividades investigadoras desde 1994.
Na actualidade, ECOAGRASOC está integrado por 13 profesores/as da USC, ademais de 18 Investigadores en Formación e Perfeccionamento. O grupo centra as súas actividades nos campos da economía agroalimentaria, políticas agrarias e de desenvolvemento rural, economía ambiental, cooperativismo, economía pública e desenvolvemento rexional. A maioría dos seus membros pertencen ao Departamento de Economía Aplicada da USC, contando tamén cunha investigadora do Departamento de Economía Cuantitativa da mesma universidade. No grupo están representadas dúas áreas de coñecemento do Departamento de Economía Aplicada, con 8 profesores da área de Economía Aplicada e 4 da de Economía, Socioloxía e Política Agraria. Ademais, ECOAGRASOC conta cunha estrutura bicampus, con persoal e infraestruturas de investigación nos campus de Santiago e Lugo.
Desde a súa constitución como grupo, ECOAGRASOC está adscrito ao Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), instituto da USC dedicado á investigación científica, ao asesoramento técnico e á organización de actividades de formación especializada en diversos campos das ciencias sociais. Polo seu volume de actividade, o IDEGA constitúe o principal centro de investigación socioeconómica de Galicia. Ademais, varios investigadores do grupo están integrado no Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).
As diferentes titulacións dos membros do grupo (1 Doutor Enxeñeiro Agrónomo, 10 Doutores en Economía, 1 Doutor en Dereito e 1 Economista) permiten trasladar ás actividades de investigación un enfoque multidisciplinar que se nutre tamén da diversidade de traxectorias investigadoras e profesionais dos mesmos. Por outra parte, o vínculo co IDEGA permitiu establecer un marco de relación estable con outros grupos da USC adscritos a este instituto (dos campos da xeografía, historia, economía e matemáticas), o que se reflicte na participación conxunta en proxectos de investigación e outras actividades.
Ademais, ECOAGRASOC mantén unha colaboración regular con grupos de investigación doutras Universidades tanto de España como doutros países, especialmente coa Universidade de Vigo, Universitat Politècnica de València, Universidad Politécnica de Madrid, Universidad de Córdoba, Universidade Técnica de Lisboa, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, FLACS-Ecuador, Universidad de la Habana e Universidade Federal de Viçosa (Brasil); o que se ten plasmado na realización conxunta de proxectos, do Plan Nacional e de programas da UE, así como contratos, convenios e a organización doutras actividades de investigación e transferencia.