Skip to main content

Investigadoras da Unidade de Trastornos Depresivos da USC premiadas polas súas propostas de intervención psicolóxica non presencial

De esquerda a dereita, Patricia Otero, Fernando L. Vázquez, Ángela J. Torres, Vanessa Blanco e Elisabet Hermida, integrantes da empresa Xuntos
De esquerda a dereita, Patricia Otero, Fernando L. Vázquez, Ángela J. Torres, Vanessa Blanco e Elisabet Hermida, integrantes da empresa Xuntos
Estas propostas son o xermolo ademais da Empresa de Base Tecnolóxica Xuntos

As colaboradoras da Unidade de Trastornos Depresivos da USC, as doutoras en Psicoloxía Patricia Otero, Elisabet Hermida e Vanessa Blanco, acaban de ser recoñecidos cunha Mención Especial na II edición do Premio Psicofundación Jóvenes Psicólogos Emprendedores 2012 polo seu proxecto ‘ Formatos de intervención psicolóxica non presencial’. O galardón entregouse nunha sesión celebrada a mediados do pasado decembro no Ateneu Barcelonés. Este equipo da Unidade que dirixe o profesor Fernando L. Vázquez é á súa vez promotor do proxecto empresarial Xuntos, spin-off universitaria apoiada e financiada polo programa Empresa-Concepto que xestiona na USC a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento e na que a Universidade compostelá participa cun 5% no capital social fundacional desta Empresa de Base Tecnolóxica. O proxecto pretende, mediante as tecnoloxías de comunicación das que a maioría das persoas dispoñen nos seus fogares como o teléfono ou internet, achegar a asistencia psicolóxica a persoas que por diversos motivos non poden asistir a unha terapia convencional cara a cara. Co seu desenvolvemento se espera incrementar a accesibilidade á asistencia psicolóxica de calidade e baseada nos resultados de investigación. Ademais, coa iniciativa se agarda solventar problemáticas específicas como a dispersión da poboación, así como un aforro nos custes de desprazamento e tempo persoal para os usuarios.

The contents of this page were updated on 01.03.2013.