Investigadoras da Unidade de Trastornos Depresivos da USC premiadas polas súas propostas de intervención psicolóxica non presencial

As colaboradoras da Unidade de Trastornos Depresivos da USC, as doutoras en Psicoloxía Patricia Otero, Elisabet Hermida e Vanessa Blanco, acaban de ser recoñecidos cunha Mención Especial na II edición do Premio Psicofundación Jóvenes Psicólogos Emprendedores 2012 polo seu proxecto ‘ Formatos de intervención psicolóxica non presencial’. O galardón entregouse nunha sesión celebrada a mediados do pasado decembro no Ateneu Barcelonés. Este equipo da Unidade que dirixe o profesor Fernando L. Vázquez é á súa vez promotor do proxecto empresarial Xuntos, spin-off universitaria apoiada e financiada polo programa Empresa-Concepto que xestiona na USC a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento e na que a Universidade compostelá participa cun 5% no capital social fundacional desta Empresa de Base Tecnolóxica. O proxecto pretende, mediante as tecnoloxías de comunicación das que a maioría das persoas dispoñen nos seus fogares como o teléfono ou internet, achegar a asistencia psicolóxica a persoas que por diversos motivos non poden asistir a unha terapia convencional cara a cara. Co seu desenvolvemento se espera incrementar a accesibilidade á asistencia psicolóxica de calidade e baseada nos resultados de investigación. Ademais, coa iniciativa se agarda solventar problemáticas específicas como a dispersión da poboación, así como un aforro nos custes de desprazamento e tempo persoal para os usuarios.