Investigadores novos traballan estes días en Santiago para mellorar aspectos que favorecerán a súa carreira profesional
A Universidade de Santiago, en colaboración coas universidades de Vigo e A Coruña, a Xunta de Galicia e a Fundación Barrié, organiza un programa de formación en competencias dirixido a persoal investigador novo que está a realizar o seu doutoramento nas Universidades do Sistema Universitario galego. Nesta primeira edición (a segunda será en novembro na Coruña) participan medio cento de estudantes de doutoramento -21 deles da USC- que, reunidos no Hotel Palacio del Carmen, tentarán en catro días adquirir competencias, ferramentas e información esencial para completar o doutoramento, aproveitar o potencial persoal e a toma de decisión sobre o seu futuro profesional. En esencia, trátase de que reflexionen sobre as súas competencias transferibles, observen cómo traballan en equipo e desenvolvan eficazmente as súas competencias comunicativas.
O curso segue o modelo das GRADschools, creadas no Reino Unido hai mais de 30 anos e que constitúen hoxe unha referencia nos programas de desenvolvemento profesional para o alumnado de doutorado das principais universidades británicas. Estes cursos de formación competencial intégranse con frecuencia na oferta formativa de universidades como Cambridge, Oxford, Durham ou Essex.