Ir o contido principal

Investigadores novos traballan estes días en Santiago para mellorar aspectos que favorecerán a súa carreira profesional

As tres universidades galegas, a Barrié e a Xunta importan de Reino Unido un formato hoxe referencia nos programas de desenvolvemento profesional

A Universidade de Santiago, en colaboración coas universidades de Vigo e A Coruña, a Xunta de Galicia e a Fundación Barrié, organiza un programa de formación en competencias dirixido a persoal investigador novo que está a realizar o seu doutoramento nas Universidades do Sistema Universitario galego. Nesta primeira edición (a segunda será en novembro na Coruña) participan medio cento de estudantes de doutoramento -21 deles da USC- que, reunidos no Hotel Palacio del Carmen, tentarán en catro días adquirir competencias, ferramentas e información esencial para completar o doutoramento, aproveitar o potencial persoal e a toma de decisión sobre o seu futuro profesional. En esencia, trátase de que reflexionen sobre as súas competencias transferibles, observen cómo traballan en equipo e desenvolvan eficazmente as súas competencias comunicativas.

O curso segue o modelo das GRADschools, creadas no Reino Unido hai mais de 30 anos e que constitúen hoxe unha referencia nos programas de desenvolvemento profesional para o alumnado de doutorado das principais universidades británicas. Estes cursos de formación competencial intégranse con frecuencia na oferta formativa de universidades como Cambridge, Oxford, Durham ou Essex.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.10.2012.