Skip to main content

O Colexio de Fonseca acolleu a homenaxe dos colexios profesionais sanitarios de Galicia ás vítimas da Covid-19

Imaxe dende a praza do Obradoiro
Participaron representantes dun vintena de organización colexiais de profesións sanitarias.
Representantes de preto dunha vintena de profesionais relacionadas coas Ciencias da Saúde renderon homenaxe en Fonseca ás vítimas da COVID-19 coa lectura coral dun manifesto conxunto
Lugo, Santiago de Compostela

Os 31 colexios profesionais sanitarios de Galicia, que aglutinan a preto dunha vintena de profesións, renderon homenaxe este martes no Colexio de Fonseca da USC ás vítimas da COVID-19 nun acto no que tamén se deixou constancia do recoñecemento polo labor desenvolvido polos profesionais da saúde. Esta é unha iniciativa do Consello Galego de Colexio Médicos na que unha representación de cada colexio deu lectura a un parágrafo dun manifesto no que se lembrou ás vítimas e a repercusión da pandemia entre os profesionais e na sociedade.

O manifesto recolle o carácter “histórico” da iniciativa xa que “nunca antes en Galicia a totalidade das profesións sanitarias colexiadas se agruparon  nunha actuación colectiva desta natureza”. Así, estiveron representados os colexios oficiais de Biólogos de Galicia; de Dentistas de Pontevedra e Ourense; de Dietistas-Nutricionistas de Galicia; de Enfermería da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra; de Farmacéuticos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra; de Fisioterapeutas de Galicia; de Hixienistas Dentais de Galicia; de Logopedas de Galicia; de Médicos das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra; de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña e de Lugo; de Ópticos-Optometristas de Galicia; de Podólogos de Galicia; de Protésicos Dentais de Galicia; de Psicoloxía de Galicia; de Químicos de Galicia; de Terapeutas Ocupacionais de Galicia; de Traballo Social de Galicia; de Veterinarios da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

 

The contents of this page were updated on 07.28.2020.