Skip to main content

Cidade da Saúde

O proxecto de Cidade da Saúde é unha iniciativa que vai mudar a concepción das infraestruturas da USC dedicadas á docencia, investigación e transferencia de coñecemento no eido das Ciencias da Saúde. A súa concepción foi presentada e compartida con responsables dos centros afectados logo de ser informados o Claustro e o Consello de Goberno da Universidade así como tamén os gobernos autonómicos e local.

A Cidade da Saúde concíbese a partir dunha vontade integradora e de reforzo das actividades sanitarias de carácter asistencial, docente e investigador co obxectivo de contribuír, con isto, a que Galicia sexa un referente da docencia, da investigación e da colaboración institucional e público-privada no ámbito da saúde.

Proposta

A proposta do proxecto da Cidade da Saúde deséñase arredor dos seguintes obxectivos:

  • Dispor dun conxunto de dotacións suficientes para dar soporte material á docencia e a investigación de vangarda no ámbito das Ciencias da Saúde.

  • Inserir de forma coherente e integrada estas instalacións nun espazo urbano no que xa existen dotacións moi importantes no ámbito sanitario.

  • Intervir urbanisticamente para conectar áreas moi importantes da cidade de Santiago no que se refire á actividade académica, científica e asistencial.

  • Modernizar as infraestruturas e a urbanización do espazo público, conectando e aumentado as zonas verdes e de mobilidade alternativa.

Principios e actuacións

A saúde é un elemento esencial. Por este motivo, o Sistema Público de Saúde é un dos piares das políticas públicas ao que se destina arredor dun 35% dos orzamentos da Comunidade. A Cidade da Saúde pon o foco en:

  • Promover a formación de calidade dos profesionais que serán os que respondan aos retos futuros que deba afrontar o ámbito sanitario galego.
  • Estimular a investigación, a transferencia e a colaboración público-privada.

As principais actuacións previstas son:

  • Rehabilitación do edificio de San Francisco, actual sede da Facultade de Medicina e Odontoloxía.
  • Construción da Sede de Ciencias da Saúde no Campus Sur.
  • Reurbanización da Praza do Seminario de Estudos Galegos.
  • Reorganización da mobilidade urbana integrando a Universidade na cidade.
  • Aplicación dos principios de eficiencia e sustentabilidade.

Documentación

Novas relacionadas

A fórmula de implantación elixida fragmenta a dotación en volumes independentes

Resolto o concurso de proxectos do novo centro de Ciencias da Saúde da USC

O Aulario de Farmacia, no que se centra a primeira fase do proxecto, comezará a construírse en xuño de 2024, unha vez cumpridos os 18 meses estipulados para a redacción do proxecto, traballo que comezará nas próximas semanas. A proposta da UTE composta por OIKOS Estudio SLP, Jorge Salgado Cortizas e Celso López Martín resultou a gañadora no concurso

Read more
The contents of this page were updated on 11.29.2022.