Skip to main content

As grandes compositoras Teresa Carreño, Germaine Tailleferre e Susan Spain-Dunk soarán este mércores no Paraninfo

Cuarteto Novecento
Cuarteto Novecento

A música de Teresa Carreño, Germaine Tailleferre e Susan Spain-Dunk soará nun novo concerto do ciclo da USC ‘As grandes compositoras dos séculos XIX e XX’, esta vez da man do Cuarteto Novecento. Será, con entrada libre, o 2 de maio ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade.

Teresa Carreño (Caracas, 1853–Nova York, 1917) foi unha pianista, cantante e compositora venezolana de gran recoñecemento mundial. Con tan só 8 anos deu o seu primeiro concerto público no teatro Irving Hall de Nova York. No 1863, foi invitada a tocar na Casa Branca ante o presidente Abraham Lincoln. Presentou a súa obra nos mellores teatros de cidades como París, Berlín e Milán. Na súa honra, un dos teatros máis importantes de América Latina, o Teatro Teresa Carreño, leva o seu nome.

A compositora Germaine Tailleferre (Saint-Maur-des-Fossés, 1892–París, 1983) iniciou os seus estudos de piano da man da súa nai e comezou a compoñer as súas primeiras obras dende moi pequena. En 1919, en contra da vontade do seu pai, entra no Conservatorio de París e alí comeza a recibir os primeiros recoñecementos ao seu talento. Formou parte do popular grupo de música francés ‘Les Six’, sendo a única muller entre as súas filas. Ao longo da súa vida foi a autora dun gran número de obras, entre elas obras de cámara, óperas, concertos para piano e para violín.

Susan Spain-Dunk (Folkestone, 1880–Londres, 1962) foi unha violinista, violista e compositora inglesa. Iniciou os seus estudos na Royal Academy of Music en Londres onde, anos máis tarde, sería tamén profesora. Foi autora dun gran número de obras e dirixiu algunhas delas en The London Promenade Concerts e tamén en Bournemouth. Unha das súas obras máis coñecidas é Phantasy for String Quartet in G minor.

Cuarteto Novecento Os músicos Ildikó Oltai, Irina Gruia, Ioana Ciobotaru e Millán Abeledo, todos eles membros da Real Filharmonía de Galicia, decidiron unirse e formar un cuarteto estable que ofrece algo máis que un repertorio habitual: céntra­se na música escrita a finais do Impresionismo para abarcar todo o século XX ata hoxe.

O Cuarteto Novecento estreouse en xuño de 2016, precisamente no Paraninfo universitario, con obras de Joaquín Turina, Benja­min Britten, Dimitri Shostakovich e Béla Bartók, moi contrastadas entre si. A partir de aí participou no III Festival de Arpa de Noia ou no IX Ciclo de Música Relixiosa de San Martiño de Barcia de Mera con obras de Samuel Barber; Benjamin Brit­ten, Frank Bridge e Joaquín Turina, entre outros certames.

Nacida en Budapest (Hungría), a violinista Ildikó Oltai realizou os seus estudos superiores na Acade­mia de Música Franz Liszt, onde se graduou como profesora de teoría da música e directora do coro, e en 1996 obtivo o título superior de Concertiste e profesora de Violín. Traballou na Orquestra de Cámara Erkel Ferenc de Budapest, no Cuarteto de Corda ‘László Lajtha’, na Orquestra Sinfónica de Franz Liszt de Budapest e na Orquestra Sinfónica Ernö Dohnányi de Budapest como concertina e varias veces como solista. Desde 1996 é membro da Real Filharmonía de Galicia, e desde 2001 é profesora de violín e música de cámara na Escola de Altos Estudos Musicais.

Irina Gruia naceu en Brasov (Romanía). Os seus estudos do conservatorio superior conti­núan nos Estados Unidos, onde se gradúa na especialidade de violín. Desde 2003 forma parte da Real Filharmonía de Galicia. En 2012 licenciouse no método ‘Kindermusik’ e empeza unha relación con varias garderías e escolas de música para poñer unhas bases musicais moi sólidas ás novas xeracións. Desde 2013, Irina está presentando e traducindo algúns dos concertos fami­liares da Real Filharmonía de Galicia, acompañando con moito éxito a directo­res como Paul Daniel ou Jonathan Wenn.

A viola Ioana Ciobotaru comeza os seus estudos na súa cidade natal, Râmnicu Vâlcea (Romanía), onde se gradúa en viola coas máximas cualificacións. Completa a súa formación en Italia e comeza a traballar en Suíza coa Fiori Rari Orchestra, o que compaxina como viola solista na Bucharest Young Symphonic Pla­yers ata que en 1996 se une á prestixiosa Filharmónica George Enescu de Bu­carest, onde permanece ata o ano 2000. Traballa ademais en Xapón e Brasil, ata entrar en 2003 na Real Filharmonía de Galicia.

Pola súa banda, o violonchelista silledense Millán Abeledo realizou os seus estudos superiores en Zaragoza, Bulgaria e Alemaña. Recibiu numerosos premios ao longo da súa carreira e fundou Bambú Ensemble e Dúo Gamma. Foi membro da JONDE e colaborou con diferentes orquestras como a Nacional de España, a Sinfónica de Galicia, a de Cámara Reina Sofía e a Da­Camera. Desde 2014 é integrante da Real Filharmonía de Galicia e imparte clases na Escola de música Berenguela.

The contents of this page were updated on 04.30.2018.