As grandes compositoras Teresa Carreño, Germaine Tailleferre e Susan Spain-Dunk soarán este mércores no Paraninfo

A música de Teresa Carreño, Germaine Tailleferre e Susan Spain-Dunk soará nun novo concerto do ciclo da USC ‘As grandes compositoras dos séculos XIX e XX’, esta vez da man do Cuarteto Novecento. Será, con entrada libre, o 2 de maio ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade.
Teresa Carreño (Caracas, 1853–Nova York, 1917) foi unha pianista, cantante e compositora venezolana de gran recoñecemento mundial. Con tan só 8 anos deu o seu primeiro concerto público no teatro Irving Hall de Nova York. No 1863, foi invitada a tocar na Casa Branca ante o presidente Abraham Lincoln. Presentou a súa obra nos mellores teatros de cidades como París, Berlín e Milán. Na súa honra, un dos teatros máis importantes de América Latina, o Teatro Teresa Carreño, leva o seu nome.
A compositora Germaine Tailleferre (Saint-Maur-des-Fossés, 1892–París, 1983) iniciou os seus estudos de piano da man da súa nai e comezou a compoñer as súas primeiras obras dende moi pequena. En 1919, en contra da vontade do seu pai, entra no Conservatorio de París e alí comeza a recibir os primeiros recoñecementos ao seu talento. Formou parte do popular grupo de música francés ‘Les Six’, sendo a única muller entre as súas filas. Ao longo da súa vida foi a autora dun gran número de obras, entre elas obras de cámara, óperas, concertos para piano e para violín.
Susan Spain-Dunk (Folkestone, 1880–Londres, 1962) foi unha violinista, violista e compositora inglesa. Iniciou os seus estudos na Royal Academy of Music en Londres onde, anos máis tarde, sería tamén profesora. Foi autora dun gran número de obras e dirixiu algunhas delas en The London Promenade Concerts e tamén en Bournemouth. Unha das súas obras máis coñecidas é Phantasy for String Quartet in G minor.
Cuarteto Novecento Os músicos Ildikó Oltai, Irina Gruia, Ioana Ciobotaru e Millán Abeledo, todos eles membros da Real Filharmonía de Galicia, decidiron unirse e formar un cuarteto estable que ofrece algo máis que un repertorio habitual: céntrase na música escrita a finais do Impresionismo para abarcar todo o século XX ata hoxe.
O Cuarteto Novecento estreouse en xuño de 2016, precisamente no Paraninfo universitario, con obras de Joaquín Turina, Benjamin Britten, Dimitri Shostakovich e Béla Bartók, moi contrastadas entre si. A partir de aí participou no III Festival de Arpa de Noia ou no IX Ciclo de Música Relixiosa de San Martiño de Barcia de Mera con obras de Samuel Barber; Benjamin Britten, Frank Bridge e Joaquín Turina, entre outros certames.
Nacida en Budapest (Hungría), a violinista Ildikó Oltai realizou os seus estudos superiores na Academia de Música Franz Liszt, onde se graduou como profesora de teoría da música e directora do coro, e en 1996 obtivo o título superior de Concertiste e profesora de Violín. Traballou na Orquestra de Cámara Erkel Ferenc de Budapest, no Cuarteto de Corda ‘László Lajtha’, na Orquestra Sinfónica de Franz Liszt de Budapest e na Orquestra Sinfónica Ernö Dohnányi de Budapest como concertina e varias veces como solista. Desde 1996 é membro da Real Filharmonía de Galicia, e desde 2001 é profesora de violín e música de cámara na Escola de Altos Estudos Musicais.
Irina Gruia naceu en Brasov (Romanía). Os seus estudos do conservatorio superior continúan nos Estados Unidos, onde se gradúa na especialidade de violín. Desde 2003 forma parte da Real Filharmonía de Galicia. En 2012 licenciouse no método ‘Kindermusik’ e empeza unha relación con varias garderías e escolas de música para poñer unhas bases musicais moi sólidas ás novas xeracións. Desde 2013, Irina está presentando e traducindo algúns dos concertos familiares da Real Filharmonía de Galicia, acompañando con moito éxito a directores como Paul Daniel ou Jonathan Wenn.
A viola Ioana Ciobotaru comeza os seus estudos na súa cidade natal, Râmnicu Vâlcea (Romanía), onde se gradúa en viola coas máximas cualificacións. Completa a súa formación en Italia e comeza a traballar en Suíza coa Fiori Rari Orchestra, o que compaxina como viola solista na Bucharest Young Symphonic Players ata que en 1996 se une á prestixiosa Filharmónica George Enescu de Bucarest, onde permanece ata o ano 2000. Traballa ademais en Xapón e Brasil, ata entrar en 2003 na Real Filharmonía de Galicia.
Pola súa banda, o violonchelista silledense Millán Abeledo realizou os seus estudos superiores en Zaragoza, Bulgaria e Alemaña. Recibiu numerosos premios ao longo da súa carreira e fundou Bambú Ensemble e Dúo Gamma. Foi membro da JONDE e colaborou con diferentes orquestras como a Nacional de España, a Sinfónica de Galicia, a de Cámara Reina Sofía e a DaCamera. Desde 2014 é integrante da Real Filharmonía de Galicia e imparte clases na Escola de música Berenguela.