As tres universidades renovan a súa colaboración coa EGAP para actualizar a formación do Persoal de Administración e Servizos

Coa vontade de establecer fórmulas de colaboración no ámbito formativo, as tres universidades asinaron este mércores 9 un convenio de colaboración coa Escola Galega da Administración Pública (EGAP). O reitor da USC, Antonio López; o da UVigo, Manuel Reigosa; e o da UDC, Julio Abalde; xunto co conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; e coa directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, rubricaron un acordo que permitirá a colaboración e o desenvolvemento conxunto de actividades de carácter formativo, así como a participación do persoal dependente das universidades nas actividades da EGAP.
O convenio abrangue as actividades de formación continua da EGAP integradas por máis dunha vintena de cursos e 1125 prazas, así como as actividades de formación do portal de idiomas, do plan formativo ofimático, así como dos cursos en materia de igualdade e violencia de xénero e dos cursos da área de Unión Europea: políticas públicas e procedementos comunitarios. A EGAP reservará para o persoal de administración e servizos das universidades un 10% do total de prazas ofertadas para estes cursos.
O acordo permítelle á EGAP dar acceso a estes traballadores a unha formación de calidade e actualizada sobre cuestións relacionadas coa Administración e o seu funcionamento. Grazas á sinatura deste convenio, convocaranse cursos sobre xestión de recursos humanos, subvencións, contratos do sector público, transparencia, seguridade da información ou xestión do estrés, entre outras materias.
O documento serve de marco para actuar da forma máis eficaz e eficiente na utilización dos medios humanos, materiais e organizativos, “en beneficio da cidadanía e da sociedade galega”. Dende 2014, ano no que se iniciou esta colaboración, a EGAP programou en exclusiva para o persoal de administración e de servizos das universidades un total de 240 cursos e máis de 11.600 prazas.
