Pasar al contenido principal

As tres universidades renovan a súa colaboración coa EGAP para actualizar a formación do Persoal de Administración e Servizos

O documento serve de marco para actuar da forma máis eficaz e eficiente na utilización dos medios humanos, materiais e organizativos, “en beneficio da cidadanía e da sociedade galega”. FOTO: Santi Alvite
O documento serve de marco para actuar da forma máis eficaz e eficiente na utilización dos medios humanos, materiais e organizativos, “en beneficio da cidadanía e da sociedade galega”. FOTO: Santi Alvite
Grazas á sinatura deste convenio, convocaranse cursos sobre xestión de recursos humanos, subvencións, contratos do sector público, transparencia, seguridade da información ou xestión do estrés, entre outras materias
Lugo, Santiago de Compostela

Coa vontade de establecer fórmulas de colaboración no ámbito formativo, as tres universidades asinaron este mércores 9 un convenio de colaboración coa Escola Galega da Administración Pública (EGAP). O reitor da USC, Antonio López; o da UVigo, Manuel Reigosa; e o da UDC, Julio Abalde; xunto co conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; e coa directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, rubricaron un acordo que permitirá a colaboración e o desenvolvemento conxunto de actividades de carácter formativo, así como a participación do persoal dependente das universidades nas actividades da EGAP.

O convenio abrangue as actividades de formación continua da EGAP integradas por máis dunha vintena de cursos e 1125 prazas, así como as actividades de formación do portal de idiomas, do plan formativo ofimático, así como dos cursos en materia de igualdade e violencia de xénero e dos cursos da área de Unión Europea: políticas públicas e procedementos comunitarios. A EGAP reservará para o persoal de administración e servizos das universidades un 10% do total de prazas ofertadas para estes cursos.

O acordo permítelle á EGAP dar acceso a estes traballadores a unha formación de calidade e actualizada sobre cuestións relacionadas coa Administración e o seu funcionamento. Grazas á sinatura deste convenio, convocaranse cursos sobre xestión de recursos humanos, subvencións, contratos do sector público, transparencia, seguridade da información ou xestión do estrés, entre outras materias.

O documento serve de marco para actuar da forma máis eficaz e eficiente na utilización dos medios humanos, materiais e organizativos, “en beneficio da cidadanía e da sociedade galega”. Dende 2014, ano no que se iniciou esta colaboración, a EGAP programou en exclusiva para o persoal de administración e de servizos das universidades un total de 240 cursos e máis de 11.600 prazas.

De esquerda a dereita, Julio Abalde, Sonia Rodríguez-Campos, Miguel Corgos, Antonio López e Manuel Reigosa. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Julio Abalde, Sonia Rodríguez-Campos, Miguel Corgos, Antonio López e Manuel Reigosa. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.02.2022.