O Campus Terra da USC presenta a súa oferta académica no salón de orientación universitaria Unitour Oviedo

A xestora de especialización da Oferta Docente do Campus Terra da USC, Margarita Vilela, e a xestora de Comunicación, Natalia Alonso, presentaron este luns no salón de orientación universitaria Unitour Oviedo a oferta académica do Campus Terra da USC a través dun espazo expositor polo que pasaron preto dun milleiro de estudantes.
A oferta académica do Campus Terra da USC consta na actualidade de quince títulos de grao, dous dobres graos, doce mestrados oficiais, dous mestrados propios e sete programas de doutoramento. Ademais, dez dos títulos de grao que se ofertan contan cunha subvención da Deputación Provincial de Lugo que financia o 50% da primeira matrícula.
O Hotel La Reconquista acolleu unha nova edición desta feira especializada en oferta universitaria que lle permite aos seus asistentes atopar respostas a cuestións tales como ‘ ¿A que quero dedicarme?’ ou ‘ ¿Que quero estudar?’ e que conta xa con máis de dez anos de historia. O Campus Terra da USC compartiu espazo con outras universidades como a Carlos III de Madrid, CEU San Pablo ou Universidade de Deusto.