O Campus Terra da USC inaugura os seus mestrados propios

O Máster en Produción do Leite e o Máster en Enxeñaría da Madeira estrutural, ambos os dous mestrados propios do Campus Terra da USC, celebraron este venres as súas respectivas sesións inaugurais.
O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno, e a conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, foron os encargados de inaugurar esta mañá no salón de actos do CIAM o Máster en Produción de Leite do Campus Terra. Un total de dez alumnos serán os que reciban este curso de formación relativo á produción leiteira por parte de máis de 50 docentes (un 30 %, membros da USC e un 70%, profesionais do sector).
En palabras do seu director, José Manuel Pereira, este curso permitiralles achegarse á situación do sector, non só desde un punto de vista teórico senón tamén práctico. No acto tamén estiveron presentes o director do CIAM, Manuel López, e o director xerente do Ligal, Roberto Lorenzana.
Pola súa parte, a sétima edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, un posgrao propio da USC, promovido por Pemade e que conta con financiamento da Fundación Laboral da Construción, botou a andar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, que durante o próximo ano e medio será a sede ou epicentro da formación presencial e telemática (800 horas) que recibirán as 26 persoas matriculadas no máster durante os próximos 18 meses.
O programa de contidos desta nova edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural de Pemade distribúese en materias que pasan polo coñecemento da madeira como material de construción, o cálculo estrutural segundo o Código Técnico da Edificación, o deseño de estruturas e o CAD aplicado á madeira, así como a realización práctica con software de cálculo de proxectos de edificación e de pontes de madeira.