Skip to main content

O Campus Terra reforza a transferencia de I+D+i ao sector primario con 27 novas iniciativas de desenvolvemento

Unha persoa supervisa os cultivos nunha plantación hortícola
Unha persoa supervisa os cultivos nunha plantación hortícola
Mitigación do cambio climático, mellora da sanidade vexetal, animal e das producións, valorización de xurros, sistemas de rega e, entre outros, agricultura de precisión, centran os proxectos piloto e de grupos operativos presentados á última convocatoria de axudas da Axencia Galega de Calidade Alimentaria por investigadores do Campus Terra da USC xunto con empresas galegas e outros centros de investigación.
Lugo

O Campus Terra da  USC potencia a súa transferencia de I+D+i coa presentación de 27 novas iniciativas de desenvolvemento para o sector primario cuxa temática abrangue desde a loita contra o cambio climático e a mitigación dos seus efectos, a implementación de medidas orientadas á mellora das producións e tamén da sanidade vexetal e animal,  xestión de xurros de explotacións agrogandeiras, optimización dos sistemas de rega e da súa eficiencia ou, entre outros, agricultura de precisión.

As novas liñas de investigación propostas para dar un novo impulso ao sector primario centra a temática dos proxectos pilotos e de grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) presentadas por diferentes empresas e entidades de Galicia, xunto co Campus Terra da USC e outros centros de investigación autonómicos, á última convocatoria de axudas convocada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria e que contan con financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

A destacada participación de investigadores do Campus Terra da USC no novo abano de proxectos de grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) solicitados en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas denotan o fondo compromiso da sede universitaria luguesa coa súa contorna, ambiental, social e produtiva, ao tempo que constata o liderado que exerce no sector en materia de I+D+i.

As empresas dos sectores agroalimentario, gandeiro e forestal confían no potencial investigador do Campus Terra, sinalan desde a Área de Proxectos Internacionais da USC, para logo engadir que, “á vista das solicitudes de grupos operativos tramitadas, a I+D+i do Campus Terra antóllase como elemento chave en boa parte das agrupacións propostas para avanzar na identificación dos problemas e no diagnóstico de novas oportunidades nos ámbitos agroalimentario e forestal”.

Á espera de coñecer a resolución das achegas aprobadas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Xunta de Galicia, cómpre lembrar que a presente convocatoria conta cunha dotación orzamentaria global superior a seis millóns de euros, fondos dos que este ano se liberarían preto dun millón de euros entre os proxectos subvencionados. A contía das achegas programadas para 2023 ascende a preto de 3,7 millóns, mentres que a consignación prevista para 2024 ao abeiro desta convocatoria é de 1.531.832 euros, segundo se recolle do Diario Oficial de Galicia.

The contents of this page were updated on 03.07.2022.