O Campus Terra reforza a transferencia de I+D+i ao sector primario con 27 novas iniciativas de desenvolvemento

O Campus Terra da USC potencia a súa transferencia de I+D+i coa presentación de 27 novas iniciativas de desenvolvemento para o sector primario cuxa temática abrangue desde a loita contra o cambio climático e a mitigación dos seus efectos, a implementación de medidas orientadas á mellora das producións e tamén da sanidade vexetal e animal, xestión de xurros de explotacións agrogandeiras, optimización dos sistemas de rega e da súa eficiencia ou, entre outros, agricultura de precisión.
As novas liñas de investigación propostas para dar un novo impulso ao sector primario centra a temática dos proxectos pilotos e de grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) presentadas por diferentes empresas e entidades de Galicia, xunto co Campus Terra da USC e outros centros de investigación autonómicos, á última convocatoria de axudas convocada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria e que contan con financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
A destacada participación de investigadores do Campus Terra da USC no novo abano de proxectos de grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) solicitados en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas denotan o fondo compromiso da sede universitaria luguesa coa súa contorna, ambiental, social e produtiva, ao tempo que constata o liderado que exerce no sector en materia de I+D+i.
As empresas dos sectores agroalimentario, gandeiro e forestal confían no potencial investigador do Campus Terra, sinalan desde a Área de Proxectos Internacionais da USC, para logo engadir que, “á vista das solicitudes de grupos operativos tramitadas, a I+D+i do Campus Terra antóllase como elemento chave en boa parte das agrupacións propostas para avanzar na identificación dos problemas e no diagnóstico de novas oportunidades nos ámbitos agroalimentario e forestal”.
Á espera de coñecer a resolución das achegas aprobadas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Xunta de Galicia, cómpre lembrar que a presente convocatoria conta cunha dotación orzamentaria global superior a seis millóns de euros, fondos dos que este ano se liberarían preto dun millón de euros entre os proxectos subvencionados. A contía das achegas programadas para 2023 ascende a preto de 3,7 millóns, mentres que a consignación prevista para 2024 ao abeiro desta convocatoria é de 1.531.832 euros, segundo se recolle do Diario Oficial de Galicia.