Concurso #HiloTesis: A túa Tese nun Fío de Twitter
Co fin de promover a actividade divulgadora entre o estudantado de Doutoramento e achegar os seus resultados de investigación á sociedade, a USC, a Rede de Divulgación e Cultura Científica (RedDivulga) da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (Crue) xunto coa Fundación Ignacio Larramendi propoñen a convocatoria da “III Edición do Concurso #HiloTesis: A túa Tese de Doutoramento nun Fío de Twitter.
Esta iniciativa quere promover o desenvolvemento de habilidades de comunicación e divulgación científica de futuros ou recentes doutores e doutoras. O obxectivo do concurso é que o persoal investigador en formación máis novo divulgue a súa tese de doutoramento nun fío de non máis de 20 tuits coas limitacións e posibilidades que ofrece a rede social Twitter. O persoal investigador en formación/doutorandos, tanto se finalizaron a súa tese nos últimos 6 meses coma se a están desenvolvendo, poderá contar o que fai, como o fai e por que o fai á sociedade. Para iso, proponse a elaboración dun fío en Twitter para aproveitar esta rede social e as súas posibilidades como canle de comunicación, adaptando o contido da tese a unha linguaxe sinxela, accesible e atractiva.
Poderá participar todo o alumnado de Doutoramento e recentes doutores das Universidades Españolas (Crue) que se somen a esta convocatoria. Os participantes deberán superar satisfactoriamente polo menos unha avaliación do Documento de Actividades e Plan de Investigación ou que defendesen a súa Tese nun prazo máximo de 6 meses anterior á data de inicio do concurso. As solicitudes daqueles participantes que non cumpran con esta condición serán desestimadas.
O persoal investigador en formación participante comprométese a contar co visto e prace da persoa que dirixa a tese e garantir que a información proporcionada, inserida no fío, enlazada, etc. é susceptible de difusión pública. Se as investigacións estivesen vinculadas a algún acordo de confidencialidade, os estudantes deberán contrastar coas partes implicadas os contidos utilizados no concurso. Nin as universidades participantes nin Crue nin a Fundación Ignacio Larramendi responsabilizaranse das infraccións que poidan derivarse do devandito incumprimento.
O concurso contará con dúas categorías: unha xeral, con tres premios, e outra para investigacións relacionadas coa inclusión e discapacidade cun premio. A USC entregará un premio en cada categoría en caso de que algún dos/as estudantes participantes sexa seleccionado e galardoado pola CRUE. Este premio consistirá nun importe en metálico de 250€, máis uns auriculares sen fíos.
O concurso desenvolverase entre as 00:00:00 do 1 de maio e as 23:59:00 do 7 de maio de 2023. Os/as estudantes deberán, unha vez publicado o fío, inscribirse e facilitar a ligazón ao seu fío a través do seguinte formulario: https://forms.office.com/e/Ah4zz8Ygpd.
O primeiro tuit deberá citar a @RedDivulga, a @filarramendi, a @UniversidadeUSC e terminar cun “Abro #HiloTesis 👇”.
Unha vez recibidos os fíos dos participantes a través do formulario, a organización do concurso remitiraos ao director da Escola de Doutoramento Internacional da USC. O xurado estará composto por:
- Artes e Humanidades: Dolores Vilavedra Fernández
- Ciencias e Enxeñarías: Eugenio Vázquez Sentís
- Ciencias da Saúde: José Manuel Cifuentes Martínez
- Ciencias Sociais e Xurídicas: José Miguel Túñez López
- Marta Rodríguez Castro: Profesora na Facultade de Ciencias da Comunicación
- Roi Méndez Fernández: Profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación
No prazo máximo de 10 días, o xurado seleccionará 1 fío que será avaliado polo xurado nacional proposto por RedDivulga.
Criterios de valoración (A puntuación máxima é de 10 puntos)
- Expresión e contido (máximo 5 puntos): uso dunha linguaxe sinxela e divulgativa que permita a comprensión do contexto, do tema da investigación e da súa importancia por parte dun público non especializado. Describir a metodoloxía, os resultados máis relevantes e as conclusións empregando unha estrutura lóxica e atractiva. Evitar ligazóns a revistas ou contidos especializados. Non trivializar o contido da investigación.
- Creatividade (máximo 5 puntos): uso adecuado e atractivo de elementos que enriquezan o contido e que consigan que o público desexe coñecer máis.
- Entre as 00:00:00 do 1 de maio e as 23:59:00 do 7 de maio de 2023: publicación e envío dos fíos por parte dos doutorandos e doutorandas a través do formulario.
- 18 de maio de 2023: envío do fío elixido por cada universidade participante para a fase nacional (se opta ás dúas categorías, deberán enviar dous fíos) e envío ao xurado.
- Do 1 ao 7 de xuño de 2023: fallo do xurado e información ás universidades e participantes gañadores/as.
Os participantes deberán cumprir as seguintes regras e instrucións:
- Contar cunha conta en Twitter.
- Só se terá en conta un fío por participante que non sobrepasará os 20 tuits. Non se contarán as posibles respostas doutros usuarios.
- Poderán empregar toda clase de elementos que enriquezan a presentación do seu traballo, o ilustren ou, simplemente, axuden a captar a atención do lector ou o fagan máis atractivo (ligazóns, emoticonas, vídeos, imaxes, gifs animados, etc.).
- Calquera dato ou información proporcionada polos concursantes debe ser susceptible de difusión pública.
- A decisión do xurado será definitiva e inapelable.
- O fío deberá publicarse e rexistrarse entre as 00:00:00 do 1 de maio e as 23:59:00 do 7 de maio de 2023.
- Unha vez publicado o fío, deberá encherse o seguinte formulario para poder ser considerado no concurso: https://forms.office.com/e/Ah4zz8Ygpd dentro do prazo de desenvolvemento do concurso ata as 23:59:00 do 7 de maio de 2023.