Ir o contido principal

Concurso #HiloTesis: A túa Tese nun Fío de Twitter

Co fin de promover a actividade divulgadora entre o estudantado de Doutoramento e achegar os seus resultados de investigación á sociedade, a USC, a Rede de Divulgación e Cultura Científica (RedDivulga) da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (Crue) xunto coa Fundación Ignacio Larramendi propoñen a convocatoria da “III Edición do Concurso #HiloTesis: A túa Tese de Doutoramento nun Fío de Twitter.

Esta iniciativa quere promover o desenvolvemento de habilidades de comunicación e divulgación científica de futuros ou recentes doutores e doutoras. O obxectivo do concurso é que o persoal investigador en formación máis novo divulgue a súa tese de doutoramento nun fío de non máis de 20 tuits coas limitacións e posibilidades que ofrece a rede social Twitter. O persoal investigador en formación/doutorandos, tanto se finalizaron a súa tese nos últimos 6 meses coma se a están desenvolvendo, poderá contar o que fai, como o fai e por que o fai á sociedade. Para iso, proponse a elaboración dun fío en Twitter para aproveitar esta rede social e as súas posibilidades como canle de comunicación, adaptando o contido da tese a unha linguaxe sinxela, accesible e atractiva.

Poderá participar todo o alumnado de Doutoramento e recentes doutores das Universidades Españolas (Crue) que se somen a esta convocatoria. Os participantes deberán superar satisfactoriamente polo menos unha avaliación do Documento de Actividades e Plan de Investigación ou que defendesen a súa Tese nun prazo máximo de 6 meses anterior á data de inicio do concurso. As solicitudes daqueles participantes que non cumpran con esta condición serán desestimadas.

O persoal investigador en formación participante comprométese a contar co visto e prace da persoa que dirixa a tese e garantir que a información proporcionada, inserida no fío, enlazada, etc. é susceptible de difusión pública. Se as investigacións estivesen vinculadas a algún acordo de confidencialidade, os estudantes deberán contrastar coas partes implicadas os contidos utilizados no concurso. Nin as universidades participantes nin Crue nin a Fundación Ignacio Larramendi responsabilizaranse das infraccións que poidan derivarse do devandito incumprimento.

O concurso contará con dúas categorías: unha xeral, con tres premios, e outra para investigacións relacionadas coa inclusión e discapacidade cun premio. A USC entregará un premio en cada categoría en caso de que algún dos/as estudantes participantes sexa seleccionado e galardoado pola CRUE. Este premio consistirá nun importe en metálico de 250€, máis uns auriculares sen fíos.

O concurso desenvolverase entre as 00:00:00 do 1 de maio e as 23:59:00 do 7 de maio de 2023. Os/as estudantes deberán, unha vez publicado o fío, inscribirse e facilitar a ligazón ao seu fío a través do seguinte formulario: https://forms.office.com/e/Ah4zz8Ygpd.

O primeiro tuit deberá citar a @RedDivulga, a @filarramendi, a @UniversidadeUSC e terminar cun “Abro #HiloTesis 👇”.

Unha vez recibidos os fíos dos participantes a través do formulario, a organización do concurso remitiraos ao director da Escola de Doutoramento Internacional da USC. O xurado estará composto por:

  • Artes e Humanidades: Dolores Vilavedra Fernández
     
  • Ciencias e Enxeñarías: Eugenio Vázquez Sentís
     
  • Ciencias da Saúde: José Manuel Cifuentes Martínez
     
  • Ciencias Sociais e Xurídicas: José Miguel Túñez López
     
  • Marta Rodríguez Castro: Profesora na Facultade de Ciencias da Comunicación
     
  • Roi Méndez Fernández: Profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación

No prazo máximo de 10 días, o xurado seleccionará 1 fío que será avaliado polo xurado nacional proposto por RedDivulga.

Criterios de valoración (A puntuación máxima é de 10 puntos)

  1. Expresión e contido (máximo 5 puntos): uso dunha linguaxe sinxela e divulgativa que permita a comprensión do contexto, do tema da investigación e da súa importancia por parte dun público non especializado. Describir a metodoloxía, os resultados máis relevantes e as conclusións empregando unha estrutura lóxica e atractiva. Evitar ligazóns a revistas ou contidos especializados. Non trivializar o contido da investigación.
     
  2. Creatividade (máximo 5 puntos): uso adecuado e atractivo de elementos que enriquezan o contido e que consigan que o público desexe coñecer máis.

  • Entre as 00:00:00 do 1 de maio e as 23:59:00 do 7 de maio de 2023: publicación e envío dos fíos por parte dos doutorandos e doutorandas a través do formulario.
     
  • 18 de maio de 2023: envío do fío elixido por cada universidade participante para a fase nacional (se opta ás dúas categorías, deberán enviar dous fíos) e envío ao xurado.
     
  • Do 1 ao 7 de xuño de 2023: fallo do xurado e información ás universidades e participantes gañadores/as.

Os participantes deberán cumprir as seguintes regras e instrucións:

  1. Contar cunha conta en Twitter.
     
  2. Só se terá en conta un fío por participante que non sobrepasará os 20 tuits. Non se contarán as posibles respostas doutros usuarios.
     
  3. Poderán empregar toda clase de elementos que enriquezan a presentación do seu traballo, o ilustren ou, simplemente, axuden a captar a atención do lector ou o fagan máis atractivo (ligazóns, emoticonas, vídeos, imaxes, gifs animados, etc.).
  4. Calquera dato ou información proporcionada polos concursantes debe ser susceptible de difusión pública.
     
  5. A decisión do xurado será definitiva e inapelable.
     
  6. O fío deberá publicarse e rexistrarse entre as 00:00:00 do 1 de maio e as 23:59:00 do 7 de maio de 2023.
     
  7. Unha vez publicado o fío, deberá encherse o seguinte formulario para poder ser considerado no concurso: https://forms.office.com/e/Ah4zz8Ygpd dentro do prazo de desenvolvemento do concurso ata as 23:59:00 do 7 de maio de 2023.