Toda a información relacionada cos tipos de teses de doutoramento está recollida nos artigos 34, 36 e 37 do Regulamento de Estudos de Doutoramento da USC.
Hoxe en día, é moi común que polo menos unha parte ou a totalidade dos resultados da tese de doutoramento estean xa publicados antes da presentación da tese, como propio mecanismo de comprobación da calidade do traballo de investigación desenvolvido como para poder optar con certa garantías a contratos posdoutorais competitivos en caso de querer continuar a carreira investigadora.
Por iso, na normativa estatal abriuse a posibilidade dunha nova tipoloxía de tese de doutoramento: A tese por compendio de publicacións. Ademais, as teses "clásicas" ou monográficas, como consecuencia, tamén deben adaptar a súa estrutura e requirimentos se estas introducen/empregan contidos desenvolvidos pola persoa doutoranda que aparecen en contribucións científicas xa publicadas.
Que tipos de teses de doutoramento existen na USC?
A continuación, podes atopar unha descrición dos tipos de teses que contempla o noso Regulamento, con especial atención aos requisitos de redacción e xustificación documental da orixinalidade, integridade e autoría do traballo.
A tese monográfica é a tese "clásica": Aquela que estrutura o traballo de investigación nunha serie de apartados esenciais e fixos que deben incorporarse tamén no índice: Resumo, Introdución, Hipótese e obxectivos, Metodoloxía xeral, Resultados e discusión, Conclusións xerais e Bibliografía.
Teses monográficas con contidos derivados de publicacións
Se a tese inclúe contidos derivados de publicacións realizadas durante a etapa doutoral, débese cumprir o seguinte:
AO COMEZO DA TESE
Incluír ao principio da tese unha relación das contribucións que aportan contidos a esta coas seguintes especificacións para cada publicación:
1. Referencia completa
- Título da publicación
- Nome e orde das persoas coautoras
- Filiación institucional de cada autor/a
- Nome da revista / Libro completo / Capítulo de libro
- Editorial
- ISSN/ISBN do libro, editorial ou revista, e DOI (se foi aceptado pero aínda non publicado)
- Ano de publicación
2. Indicios de calidade
- Nome da revista/editorial
- Factor de impacto (IF) no ano da publicación da contribución
- Posición na categoría (tercil ou cuartil no JCR ou índice similar relevante na área de coñecemento da tese)
- Outras métricas relevantes (Scopus, Scimago, JPI, etc.)
3. Indicación dos contidos nos capítulos da tese
- Indicar os capítulos da tese onde se reproducen ou usan contidos da contribución(s).
4. Contribución da persoa doutoranda na publicación
- Descrición clara das tarefas realizadas, por exemplo: deseño do estudo, recollida e análise de datos, etc.
AO FINAL DA TESE - ANEXOS
1. Autorización das revistas ou editoriais
- Presentar a autorización oficial das revistas ou editoriais para o uso do material/contidos na tese.
- Se non é posible obtela, indicar esta circunstancia e incluír a versión enviada polas persoas autoras principais antes da publicación ou outra acorde coa política de protección de dereitos de autor, explotación e autoarquivamento da revista/editorial que non contraveña os dereitos de explotación editorial.
2. Publicacións en acceso aberto
- Indicar o tipo de licenza de uso.
- Facilitar a ligazón á declaración de libre acceso por parte da revista ou editorial.
REDACCIÓN DA TESE
- Debe respectar a estrutura formal da tese.
- Non se poden reproducir literalmente as contribucións como capítulos ou bloques da tese.
- Os contidos de contribucións coautorizadas con outras persoas doutorandas:
- Poderán empregarse integramente na tese os contidos desenvolvidos pola persoa doutoranda autora da tese.
- Poderán usarse de forma resumida na tese os contidos que non foron desenvolvidos/realizados pola persoa autora da tese, co obxectivo de garantir a comprensibilidade e coherencia do traballo de investigación.
DOCUMENTACIÓN ADICIONAL
- Presentar no momento de solicitude de defensa a declaración responsable da persoa doutoranda:
- Indicando que as achegas nas contribucións que dan contido á tese son orixinais e substanciais.
- Identificando detalladamente a distribución das tarefas realizadas por todas as persoas coautoras da/s contribución/s.
- Este documento será asinado pola persoa que dirixe a tese de doutoramento.
Nota aclaratoria:
- Un bloque é un capítulo da tese redactado nunha soa lingua.
- Se un capítulo é extenso e se divide en subcapítulos, cada subcapítulo será considerado un bloque independente.
A tese por compendio de publicacións é a tese que agrupa un conxunto mínimo de 3 contribucións científicas, elaboradas durante a etapa da tese e publicadas ou aceptadas en revistas de:
- Prestixio nacional/internacional.
- Con revisión por pares.
- Incluídas en bases de datos recoñecidas (JCR, Scopus ou equivalentes CNEAI).
- Polo menos 1 publicación debe estar no primeiro tercil da súa categoría.
- En Artes e Humanidades / Ciencias Sociais e Xurídicas son válidos os libros ou capítulos con selo de calidade ou incluídos no Scholarly Publishers Indicators.
REQUISITOS DAS PUBLICACIÓNS
a) Coautoría
- Se non seguen orde alfabética, a persoa doutoranda debe ser a 1ª ou 2ª asinante.
b) Axuste ao plan de investigación
- As publicacións deben reflectir:
- O plan de investigación da tese.
- A adscrición á USC da persoa doutoranda.
c) Documentación obrigatoria que se deberá incorporar á SVA
- Declaración xurada indicando que as contribucións que forman parte da tese por compendio son orixinais e propias.
- Informe da dirección da tese indicando:
- Conformidade coa modalidade de tese por compendio.
- Xustificación de axuste da tese conforme ao plan de investigación.
- Confirmación de que as achegas da persoa doutoranda nas contribucións do compendio son substanciais e relevantes.
- Renuncia expresa dos coautores non doutores ao emprego das contribucións nas súas propias teses.
ESTRUTURA DA TESE POR COMPENDIO
a) Resumo
b) Introdución
- Marco teórico.
- Xustificación de unidade e coherencia dos contidos da tese.
c) Hipótese e Obxectivos
- Hipótese(s)
- Obxectivos xerais e específicos.
- Indicar en que traballos do compendio se abordan.
d) Metodoloxía xeral
- Breve descrición da metodoloxía empregada de xeito integrado.
e) Resultados: Traballos publicados/aceptados
- Inclusión íntegra ou versión permitida segundo a política editorial.
- Para os traballos aceptados pero non publicados: Indicar DOI ou achegar certificado da editorial.
f) Resultados non publicados (opcional)
- Posibilidade de incluílos en capítulos adicionais nun bloque/sección titulado: "Resultados non publicados".
- Presentados en formato científico/de publicación.
g) Discusión xeral
- Unificación e coherencia dos traballos.
- Extensión: mínimo 5.000 palabras.
h) Conclusións globais
- Resultados principais da tese.
i) Bibliografía xeral
- Listaxe ordenada das fontes bibliográficas.
Por outra banda, pode ser necesario que certos contidos/partes da túa tese de doutoramento estean suxeitos a cláusulas de confidencialidade e/ou teñan que ser protexidos, polo que estes non se poden facer públicos na propia tese de doutoramento. Para iso establécese un mecanismo de protección de dereitos dos contidos da tese:
DEFINICIÓN
Tese vinculada a proxectos con participación de empresas, existencia de convenios de confidencialidade ou con potencial de xerar propiedade industrial (p. ex.: patentes).
PROCEDEMENTO
- Solicitude formal da persoa doutoranda, avalada polas persoas que titorizan e dirixen.
- Sinatura dun compromiso de confidencialidade e custodia avalado pola CAPD e aprobado pola EDIUS.
- Este compromiso debe ser asinado por:
- A dirección e titorización da tese.
- As persoas avaliadoras externas.
- Os membros da Comisión Executiva da EDIUS.
- Os membros do tribunal avaliador da tese.
VERSIÓNS DA TESE QUE HAI QUE PRESENTAR
Versión reducida
- Esta versión é a que se incorpora á solicitude de defensa a través da SVA.
- Non incorpora os contidos protexidos/confidenciais.
- Preséntase á CAPD, deféndese publicamente e se deposita para consulta.
Versión estendida
- Inclúe todo o contido protexido.
- O acceso require acordo de confidencialidade.
- Entrégase só aos avaliadores externos, á EDIUS e aos membros do tribunal para a súa avaliación.
- Previa solicitude, a persoa coordinadora poderá tamén ter acceso.
- As preguntas do tribunal sobre os contidos protexidos realizaranse en sesión estritamente privada durante o acto de defensa.
PUBLICACIÓN DA TESE
Se a tese é aprobada:
- A versión reducida publícase no repositorio institucional.
- Unha vez protexidos os resultados ou vencido o prazo de confidencialidade, substituirase pola versión completa.