Miriam Elena Cortés López, premio Domingo Fontán de investigación histórica

Miriam Elena Cortés López foi distinguida este martes co Premio Domingo Fontán de Investigación Histórica polo seu traballo ‘Socorrer ensinando. A RSEAPS e a recuperación dos libros de literatura artística a través dos inventarios da comisión da amortización (S.XIX)’. A sétima edición deste recoñecemento outorgado pola USC, o Consorcio de Santiago e a Real Sociedade Española de Amigos do País de Santiago (RSEAPS), e que conta co patrocinio da Deputación da Coruña, galardoou a Cortés López cun premio en metálico de 2.000 euros, alén da publicación do traballo por parte do Consorcio de Santiago.
O acto de entrega estivo presidido polo reitor Antonio López, e nel tamén participaron o responsable de publicacións do Consorcio de Santiago, Juan Conde Roa, e o presidente da RSEAPS, Francisco Loimil Garrido. O acto serviu tamén para presentar a oitava convocatoria deste premio ao que se poderán presentar traballos dende o 1 de setembro de 2022 ata o 29 de setembro de 2023, emitindo o xurado o seu veredicto no mes de decembro do vindeiro ano.