Unha eclipse total de Lúa terá lugar na madrugada do domingo 15 ao luns 16 de maio

Na noite deste domingo 15 ao luns 16 de maio, vai ter lugar unha eclipse total de Lúa. En Galicia, a fase total comezará ás 05.29 e rematará ás 06.53, en tanto que a fase parcial comezará ás 04.28, sendo ás 07.53 cando “o noso satélite abandonará o cono de sombra”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo.
“É ben sabido que na fase total, cando teoricamente ao poñerse o noso planeta entre o Sol e a Lúa, esta non debería verse”, continúa o profesor Docobo. “Porén, os raios solares tanxentes á Terra son desviados pola atmosfera terrestre e inciden no noso satélite que entón adquire unha tonalidade entre ocre, castaña e vermella, a coñecida popularmente como Lúa de sangue”, engade.
Na Comunidade galega, a observación estará claramente influenciada polas condicións meteorolóxicas debido á chegada dunha fronte. Así agárdanse mellores condicións de seguimento canto máis ao norte e ao leste. Mesmo na zona das Rias Baixas non se descarta a presenza de choivas.