Daniel Marcos consegue unha das sete bolsas Fulbright a nivel estatal para estadías no estranxeiro

O estudante de doutoramento do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), Daniel Marcos, que desenvolve a súa tese no grupo do profesor Jose Luis Mascareñas, acaba de recibir unha bolsa Fulbright para realizar a súa investigación predoutoral en universidades ou centros de investigación de Estados Unidos. Daniel Marcos foi un dos investigadores seleccionados por este programa que tan só concede sete bolsas a nivel estatal.
Para poder optar a estas axudas, as persoas interesadas deben cumprir unha serie de requisitos entre os que se atopa ter unha carta de invitación da institución estadounidense de destino. Daniel Marcos contou coa invitación da Universidade de California en Berkeley, máis concretamente do grupo de investigación do químico John Hartwig. Este profesor é un químico organometálico coñecido por axudar a desenvolver a aminación Buchwald-Hartwig, unha reacción química utilizada en química orgánica para a síntese de enlaces carbono-nitróxeno a través do axuste cruzado de aminas con haluros de arilo catalizadas por paladio. Premiado en varias ocasións polas súas investigacións, John F. Hartwig é un dos científicos máis influentes dentro do seu ámbito.
Bolsas moi competitivas
De concorrencia moi competitiva, as bolsas para investigación predoutoral Fulbright son un total de quince bolsas que se distribúen en tres programas: cinco bolsas específicas para doutorandos de universidades de Andalucía e financiadas pola Junta de Andalucía; tres bolsas específicas para doutorandos de universidades de Murcia e financiadas polo goberno da Región de Murcia; e sete bolsas de programa xeral abertas a calquera doutorando de universidade española. O obxectivo principal da bolsa é realizar investigación predoutoral en universidades ou centros de investigación de Estados Unidos en calquera disciplina e durante un período de entre seis e doce meses. A estadía de Daniel Marcos durará seis meses.