Ir o contido principal

Daniel Marcos consegue unha das sete bolsas Fulbright a nivel estatal para estadías no estranxeiro

A estadía de Daniel Marcos durará seis meses
A estadía de Daniel Marcos durará seis meses
O investigador desenvolve a súa tese de doutoramento no CiQUS da USC dentro do grupo do profesor Mascareñas
Santiago de Compostela

O estudante de doutoramento do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), Daniel Marcos, que desenvolve a súa tese no grupo do profesor Jose  Luis  Mascareñas, acaba de recibir unha bolsa Fulbright para realizar a súa investigación predoutoral en universidades ou centros de investigación de Estados Unidos. Daniel Marcos foi un dos investigadores seleccionados por este programa que tan só concede sete bolsas a nivel estatal.

Para poder optar a estas axudas, as persoas interesadas deben cumprir unha serie de requisitos entre os que se atopa ter unha carta de invitación da institución estadounidense de destino. Daniel Marcos contou coa invitación da Universidade de  California en Berkeley, máis concretamente do grupo de investigación do químico John Hartwig. Este profesor é un químico  organometálico coñecido por axudar a desenvolver a aminación Buchwald-Hartwig, unha reacción química utilizada en química orgánica para a síntese de enlaces carbono-nitróxeno a través do axuste cruzado de  aminas con  haluros de arilo catalizadas por paladio. Premiado en varias ocasións polas súas investigacións, John  F.  Hartwig é un dos científicos máis influentes dentro do seu ámbito.

Bolsas moi competitivas

De concorrencia moi competitiva, as bolsas para investigación predoutoral Fulbright son un total de quince bolsas que se distribúen en tres programas: cinco bolsas específicas para doutorandos de universidades de Andalucía e financiadas pola Junta de Andalucía; tres bolsas específicas para doutorandos de universidades de Murcia e financiadas polo goberno da Región de Murcia; e sete bolsas de programa xeral abertas a calquera doutorando de universidade española. O obxectivo principal da bolsa é realizar investigación predoutoral en universidades ou centros de investigación de Estados Unidos en calquera disciplina e durante un período de entre seis e doce meses. A estadía de Daniel Marcos durará seis meses.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2022.